
O Monte Real Club de Yates de Baiona renovou, un ano máis, a bandeira azul que distingue ao seu porto polo coidado ambiental das infraestruturas, a calidade das augas e a excelencia dos seus servizos náuticos. A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) incluíu ao Monte Real na lista de 11 portos deportivos de Galicia, 5 deles na provincia de Pontevedra, que obteñen este ano o distintivo de “porto deportivo bandeira azul”.
O club consolida así unha distinción que mantén, de forma ininterrompida a excepción dun ano, desde 1988, cun programa ambiental específico que recolle actuacións relacionadas coa auga, os residuos, o consumo de enerxía, a seguridade ou a saúde, entre outras accións. Ademais do seu porto deportivo, en Baiona ondearán este ano bandeiras azuis nas súas seis praias: Barbeira, Concheira, Os Frades, Ladeira, Ribeira e Santa Marta.