Detido un nigranés ebrio e co permiso de conducir suspendido tras unha persecución por Vigo

A Policía Local de Vigo detivo este domingo a V.G.R, home de 59 anos de idade, nacido en Nigrán e domiciliado na cidade olívica. Os feitos ocorreron sobre as 22:00 horas na rúa Emilia Pardo Bazán. Ás 19:30 horas, Axentes desta Policía Local que realizaban un control rutineiro de seguridade na rúa Baixada a Laxe, foron envestidos polo condutor dun turismo da marca Peugeot Partner, cando lle estaban dando o alto, tendo que apartarse de forma brusca un deles para evitar ser atropelado.

Os actuantes tentaron localizarlle tras o incidente pero perdéronlle de vista debido á velocidade á que circulaba. Sobre as 22:00 horas, os mesmos funcionarios localizaron ao citado vehículo que transitaba pola rúa Emilia Pardo Bazán en sentido Beade, motivo polo que comezaron a seguilo. O condutor, ao decatarse da presenza policial comezou a circular a gran velocidade accedendo a Camiño Quiros, desviándose a continuación por Camiño Moiania, chegando á estrada de Miraflores.

Na glorieta sita na devandita confluencia o turismo chegou a subir á beirarrúa por onde transitaban varios peóns que se viron obrigados a apartarse para evitar ser atropelados. Así mesmo, o resto de condutores que pretendían acceder á rotonda detiveron a marcha para non chocar. Continuou a persecución cara á estrada Ponte Segade dirección Praza Moledo, lugar onde se atopaban varias persoas participando na rodaxe dunha película. O condutor realizou un zig zag, chegando a poñer en perigo a vida das devanditas persoas.

A continuación accedeu á rúa Baixada o Río circulando en varias ocasións polo carril contrario, rúa Cacheno, rúa Xesteira, Rúa Cavada, Balde e Cas Marcelo. Trátase de camiños moi estreitos onde había vehículos estacionados ao carón da calzada e o condutor co fin de evitalos, chegou a chocar co muro dunha leira particular sita na confluencia das rúas Balde con Cas Marcelo, tendo que deter o seu turismo debido ao golpe, polo que se apeou do mesmo, momento no que os actuantes procederon á súa detención.

Procederon a realizarlle a proba de alcoholemia, a cal deu un resultado penal de 0,84 e 0,85 mg/l de alcol en ambas as dúas probas. Tamén se comprobou que lle figuraba unha suspensión temporal do permiso de conducir por perda de vixencia sen realizar o curso de capacitación que lle permita conducir vehículos de motor. En canto á propiedade do turismo figura a nome doutra persoa, a cal manifestou que deixara o turismo nun taller días atrás, non sen antes advertir de que este carecía de seguro e ITV en vigor.