O Alcalde de Baiona en contra da instalación do parque eólico previsto na Serra da Groba

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, mostra unha vez máis a súa postura contraria respecto ao parque eólico previsto na Serra da Groba. O rexedor baionés quere deixar clara a súa oposición á instalación que afectará o monte de Baíña, pois en concreto un dos proxectos de execución está ideado no lugar coñecido como “O Alto da Mata” desta parroquia baionesa.

A Xunta de Galicia decidiu de maneira unilateral a instalación e localización deste parque eólico. Para o Alcalde de Baiona resulta inaceptable que “non se tivo en conta aos comuneiros, comuneiras, veciños e veciñas nunha decisión de vital importancia como é a desta instalación”.

“Estamos a favor das enerxías renovables -explica o rexedor- pero non a calquera prezo. Este proxecto parece máis enfocado ao máximo aproveitamento e rendemento enerxético, ignorando calquera outra cautela de interese paisaxístico, patrimonial ou de biodeversidade. Non se busca o mínimo impacto ambiental senón o máximo beneficio, e isto é unha falta de respecto aos nosos veciños e veciñas”.

Así mesmo, Gómez fai mención a que “a zona alberga numerosos valores que teñen que ser protexidos. Trátase dunha zona para conservar. Queremos seguir tendo un referente paisaxístico, un rico patrimonio natural, xeolóxico e hábitats que acollen flora e fauna de escasa presenza en Galicia, pero tamén preferimos que continúe o aproveitamento multifuncional das comunidades de montes. Todo isto non se pode comprar con diñeiro”, afirma o rexedor.

O alcalde tamén fai referencia a un convenio asinado entre o goberno municipal anterior e a Xunta de Galicia no que se investiu diñeiro público para a construción dun miradoiro de madeira con bancos na zona do Cortelliño para facer máis confortable o balcón natural do Val Miñor. “Pois ben, de levarse a cabo a instalación do eólico na zona prevista o investimento deste diñeiro público quedouse sen a súa razón de ser: a de ofrecer as mellores vistas do Val Miñor. O proxecto contempla a implantación do eólico xusto diante do visitado miradoiro. Privarase así aos veciños e veciñas e tamén aos visitantes destas privilexiadas vistas, desde onde se divisan a baía de Baiona, as Illas Estelas, as Illas Cíes, as rías de Vigo, Pontevedra e mesmo a de Arousa en días claros”.

Igualmente, sinalou que “a eólica, poñería en perigo a estratexia de conservación do monte baionés supoñendo ademais un gran impacto paisaxístico no Espazo Natural da Serra da Groba, un espazo que se debe protexer, coidar e que é un referente en Galicia”.