Dous mariscadores de Baiona doan á Casa da Navegación unha áncora lítica atopada no mar de Silleiro

A Casa da Navegación de Baiona conta nas súas instalacións cunha nova peza de alto valor grazas á entrega por parte de dous cidadáns baioneses dunha áncora lítica. Trátase dunha áncora de granito que foi recuperada dos fondos mariños do municipio, concretamente da zona da Carral en Cabo Silleiro, o pasado mes de novembro, polos mariscadores José M. Durán Vicente e Iván González Rodríguez. A peza foi descuberta polo mergullador Iván González mentres faenaban ao ourizo.

A peza en cuestión ten dous buracos, polo superior atábase o cabo e os buracos inferiores eran para pasar unhas unllas de madeira, elementos cos que se agarraba no fondo. Ao ser de material perecedoiro, estas unllas non se conservaron. Recoñécense varios modos de colocalos: simplemente encaixadas a presión, fixadas con pequenas cuñas no bordo ou mesmo se apunta a posibilidade de ningunha fixación a maiores, posto que a madeira mollada seareira, o que impediría que se soltase, e o feito de ter un pouco de folgura evitaría a súa rotura no caso de que se produza un tirón do barco.

Desde o Museo sinalan que este tipo de pezas eran utilizadas por navegantes desde a protohistoria, fenicios e púnicos, anteriores aos romanos, en embarcacións de madeira semellantes á representada no petróglifo de Auga dos Cebros (Santa María de Oia). Ambos os dous elementos (áncoras líticas e petróglifo de barco) son exemplo da navegación antiga polas nosas costas desde hai máis de 3000 anos. En canto ás dimensións da áncora, ten 65 cm de longo; un ancho máximo de 35 e mínimo de 26; un espesor de 15,5 e un peso de 60 Kg.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e a concelleira de Cultura, Miriam Costas Iriarte, quixeron agradecer a José M. Durán Vicente e Iván González Rodríguez esta achega, que foi rexistrada xa nos inventarios e catálogos do Museo, deixando constancia da súa procedencia para calquera estudo no cal se mencione esta peza. O rexedor destacou a doazón, xa que “é grazas á vontade e sensibilidade de persoas como José M. e Iván que se estuda, restáurase e ponse en valor unha parte da nosa historia para o goce público. Esta peza contribuirá a ter unha visión máis ampla do que foi a historia mariñeira de Baiona”.

Coñécense máis de cen exemplares localizados nas costas galegas pero é a primeira destas características nesta zona. A áncora lítica atopada no mar por Jose Manuel e Iván xa loce na exposición da Casa, acompañada do debuxo do barco de Pedornes, pois ambos están próximos no tempo. A riqueza histórica deste territorio vén de lonxe.

Este venres 7 de maio celebrouse o 820 aniversario da fundación de Baiona e para celebrar esta efeméride desde o Concello elixiuse esta fin de semana tan especial para escenificar a doazón da áncora lítica. Tamén para conmemorar esta data a Casa da Navegación de Baiona proporcionou a entrada libre e unha visita comentada polas súas instalacións ás 12:00 para a cal foi necesario apuntarse, debido ás condicións de aforo.