Gómez compromete axudas para transporte, comedor e material escolar

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, respondeu nun comunicado á información enviada aos medios polo Partido Popular na que trasladaba o “malestar e preocupación” dos pais dos alumnos do IES Primeiro de Marzo pola eliminación da axuda que achegaba o Concello para sufragar o 50% do billete do transporte aos estudantes de Bacharelato e Ciclos Formativos do centro.

Segundo Gómez, nos últimos 15 anos o Partido Popular non fixo nada respecto diso deste tema. “O ano pasado o pago feito aos alumnos do Primeiro de Marzo foi realizado polos grupos municipais da corporación e non polo Concello, como di o Sr. Rodal, ademais de ir con reparo de intervención, un exercicio de irresponsabilidade”.

O rexedor socialista asegura que, na actualidade, o grupo de goberno está a buscar a maneira de restaurar a legalidade, “algo que non ten solución inmediata e que ademais é coñecido polo Partido Popular, por iso é polo que non o resolveran dunha maneira definitiva”. Para Gómez, dita dificultade estriba en que a Administración Local non ten competencias en materia de transporte escolar e onde a autoridade competente, Xunta de Galicia, non contempla a gratuidade do transporte para os ensinos non obrigatorios.

“De todos os xeitos este equipo de goberno está comprometido en subvencionar un trimestre do transporte escolar e en preparar axudas en forma de bolsas tanto para transporte escolar, comedor escolar, material, etc, dirixidas a todas as familias con dificultades económicas e así garantir ao 100% o acceso de calquera alumno de Baiona ao sistema educativo, estude no Primeiro de Marzo, Proval, Universidade, etc, garantindo a xustiza e a igualdade”, afirma o alcalde.

“Se tanto lle preocupa ao PP baionés este tema, por que non lle esixe á Xunta de Galicia o transporte gratuíto para os ensinos non obrigatorios? Por que non o solucionou nestes últimos 15 anos, cando se xactaba orzamento tras orzamento que destinaba 18.000€ a Servizos Sociais e non os daba gastado? Sería que estabamos en campaña electoral?”, conclúe Gómez.

Anuncios