Baiona celebra o 820 Aniversario da súa Carta Poboa

Baiona celebra hoxe, 7 de maio, o 820 Aniversario da súa Carta Poboa, o que foi motivo para que o seu alcalde, Carlos Gómez Prado, lembre esta efeméride e se enorgullezca do pasado histórico da vila. Sobre a Carta Poboa concedida polo Rei Alfonso IX, o día 7 de maio de 1201, atopándose nas illas Cíes, concretamente na Illa de Faro, estando nunha igrexa que alí había dedicada a San Esteban e despois dedicada a frades terceiróns chamándose San Esteban de Cíes.

A Carta Poboa pode parecer paradoxal ao ser un documento que en realidade non existe, está perdido. Con todo é fundamental para o coñecemento da Idade Media e a historia de Baiona. Coñécese polas copias feitas na Idade Media, máis tarde foi resumido por Frei Prudencio de Sandoval no S. XVII e finalmente por Ávila e Lacueva no S. XIX. Outorgada por Alfonso IX en 1201 podemos dicir que marca o inicio da Baiona urbana tal e como hoxe coñecémola: co topónimo Baiona, un territorio definido, unha estrutura económica e un marco lexislativo, converténdoa en Vila Real.

Desta forma, Baiona e os seus habitantes son declarados homes libres en todo o reino Galaico-Leonés, gozando as súas xentes duns privilexios, pouco comúns na Idade Media. Ademais, a Carta Poboa informa das bases económicas da Baiona de finais do século XII-inicio do XIII. O comercio marítimo era a principal fonte económica da vila, de aí o interese real polo control deste porto. O rei establece o monopolio de descarga de mercadorías e as taxas que debían de pagar por barco e mercadoría.

Desta forma sabemos que da Europa do Norte, a través do porto de La Rochelle, Baiona recibía barchas francesas con manufacturas de luxo como panos finos e de boa calidade, sal -que tamén chegaba de Portugal- e outros obxectos de prestixio, como cerámicas. A presenza destas mercadorías en Baiona sinala a posición deste porto nas redes comerciais marítimas medievais co Norte de Europa a través do porto francés. Outros tipos de barcos que aparecen no documento son a carabela e a pinaza.

A carabela foi o barco empregado polos portugueses para o comercio desde momentos temperáns. A pinaza era unha embarcación de uso mixto: de pesca e para o comercio de mercadorías seguindo unha navegación de cabotaxe. As mercadorías que saían de Baiona eran: sardiña salgada -Alfonso IX concede o monopolio da salgadura de peixe aos veciños de Baiona-, congro seco, coiros, cereal, veu e carne, fundamentalmente. O documento tamén establece taxas por vendas nas feiras, aspecto que informa sobre o tráfico de mercadorías por vía terrestre. As potas de Burela ou de Zamora sanciónanse cun imposto importante que evidencia a alta valoración destes barros.