A Xunta investirá 600.000 € nas obras necesarias para minimizar o risco de inundacións en Sabarís

FOTO: CASTRO E LADEIRA // Inundacións na rúa Ponte Nova de Sabarís.

A Xunta colaborará co Concello de Baiona para minimizar os riscos de inundacións no camiño das Monxas e no camiño Pouquena, no lugar de Sabarís, cun investimento autonómico de 600.000 euros. O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Baiona para impulsar as obras de mellora da drenaxe nestes dous viarios situados nas proximidades da desembocadura do río Groba e identificados como de risco potencial significativo de inundación.

Segundo o convenio autorizado hoxe polo Goberno galego, a entidade hidráulica da Xunta asume integramente o financiamento das actuacións destinadas a reducir os efectos negativos dos asolagamentos nesta área. As obras estarán cofinanciadas con Fondos Feder 2014/2020. Augas de Galicia levará a cabo a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

Pola súa banda, o Concello de Baiona asume a posta á disposición dos terreos necesarios para o inicio dos traballos e a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución. Tamén asume a obriga de recibir as obras que pola súa natureza sexan susceptibles de tal recepción e a asumir o seu mantemento e conservación, coa utilización das instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.

As actuacións do convenio

Os camiños das Monxas e Pouquena son dous viarios situados nas proximidades da desembocadura do río Groba que presentan un historial de frecuentes inundacións. A deficiente rede de drenaxe de pluviais existente na zona, que desemboca na Foz de Miñor, vese habitualmente superada durante os episodios de chuvias, anegándose os viarios e as construcións lindeiras; este feito vese agravado cando as precipitacións abundantes coinciden, ademais, coa preamar.

As actuacións obxecto do convenio autorizado hoxe polo Executivo autonómico, que buscan minimizar os asolagamentos nesta contorna, están recollidas no Plan de xestión específico realizado na área de risco potencial significativo de inundacións do río Groba, no que Augas de Galicia recolleu as distintas opcións para o desenvolvemento de intervencións que contribúan a minimizar o risco de inundación.

Os traballos contarán cun prazo de execución de 5 meses e consisten na reforma da rede de pluviais existente a través da execución de 4 colectores, o que permitirá mellorar a súa capacidade de desaugue nas condicións máis desfavorables, coa coincidencia da preamar con fortes precipitacións.