Viva Suecia, a penúltima sorpresa do Barbeira Season Fest de Baiona

A organización do Barbeira Season Fest continúa anunciando os grupos que van conformando o cartel da súa terceira edición, que se celebrará en Baiona os días 28 e 29 de agosto. A última sorpresa é a presenza dos murcianos Viva Suecia, unha das bandas máis representativas do indie a nivel nacional. Este festival enmárcase dentro do programa O teu Xacobeo.

Isaac González, director do certame, comenta que “a presenza de Viva Suecia este ano, xunto á das outros grupos, representa un salto importante de calidade do festival. A duración de tres días e este cartelazo son síntomas de que, aínda que queremos seguir sendo un festival cunha atmosfera intimista e de certa exclusividade, dalgunha maneira apostamos por seguir mellorando”.

Ladilla Rusa, Confeti de odio, Mujeres, Basanta, Tronco, Laborde, Los Marcianos, Aiko El Grupo, Carlota, Malamute, Chef Creador, Marcelo Criminal, Valdivia e La Claridad son os grupos que, xunto a Viva Suecia, confirman, por agora, o cartel deste ano. “Por agora porque estamos a piques de pechar unha nova incorporación que acabaría por redondear a proposta”, di González.

Os abonos para vivir a “experiencia Season” completa son limitados e xa están á venda na web do festival e en A Taquilla. A organización só contempla o abono completo por agora xa que por aforo limitado non poñerán entradas para días soltos.

O Barbeira Season Fest, organizado pola promotora de eventos Elemental Street, conta co apoio da Xunta de Galicia, Xacobeo 21-22, Concello de Baiona e a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas, Vibra Mahou, na súa aposta por achegar ás persoas a través da música e reivindicar os encontros sociais seguros como algo esencial para vivir mellor.

Música, gastronomía, Camiño e medio ambiente

Barbeira Season Fest é un festival directamente ligado ao Camiño de Santiago que, coa natureza como punto de partida e baixo a filosofía de “plástico 0”, presenta un programa de música emerxente en Galicia na contorna da praia Barbeira, Baiona. É o encargado, cada verán, de poñer fin ás actividades de lecer da comarca conxugando a música indie emerxente coa ecoloxía e a gastronomía como eixos principais.