Galicia deixará de ter peche perimetral e amplía aforos e horarios na hostalería

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe das novas medidas acordadas polo comité clínico para seguir avanzando no proceso de apertura gradual e medido, e adaptarse á nova situación que se abre co fin do estado de alarma.

Nesta liña, afirmou que o Executivo autonómico seguirá escoitando aos expertos sanitarios que integran o comité clínico para tomar decisións, co obxectivo prioritario de xestionar a pandemia e protexer aos cidadáns dos riscos sanitarios, económicos e sociais.

Así, en primeiro lugar, e a consecuencia do remate do estado de alarma, anunciou que desde o vindeiro domingo Galicia no seu conxunto deixará de ter peche perimetral, permitíndose a mobilidade para entrar e saír da Comunidade.

Con este fin, precisou que se reforzará o Rexistro de viaxeiros. “Darémoslle unha maior visibilidade ao rexistro, e as persoas que cumpran coa obriga de apuntarse serán chamadas para realizar unha proba diagnóstica. No caso de que viaxen persoas cun certificado de vacinación, só terán que acreditar que o teñen; e os cidadáns que cheguen a Galicia en avión teñen a disposición un posto de cribado nos tres aeroportos”, precisou, ao tempo que anunciou a proposta de manter o peche perimetral naqueles concellos que se atopan no nivel máximo -os que superan os 500 casos de incidencia acumulada a 14 días-. Unha medida, aseverou, que terá que ser autorizada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Por outra banda, Feijóo explicou que, se ben o toque de queda se eliminará a partir do domingo, o sábado ampliarase ata a medianoite, para evitar a situación de que os cidadáns teñan que estar nas súas casas ás 23 horas e poidan volver saír a medianoite, co fin do estado de alarma.

Así mesmo, resaltou o obxectivo de mantelo ás 23 horas naqueles concellos cunha situación epidemiolóxica de risco extremo, para o cal tamén se terá que contar co preceptivo respaldo xudicial.

No tocante á hostalería, asegurou que se seguirán ampliando os horarios. Deste xeito: os bares poderán abrir ata as 23 horas; e os restaurantes terán agora ata a unha da madrugada. “Sempre mantendo os criterios establecidos no seu día, é dicir, que conten con licencia de restaurante, que funcionen con cita previa e conserven un rexistro de clientes e que garantan a calidade do aire e controlen o CO2 do local”, dixo.

De acordo con estas medidas, o titular da Xunta afirmou que tamén se pedirá aval xudicial para limitar as reunións de non conviventes desde a unha ata as seis da mañá.

Medidas segundo os niveis de risco

Feijóo aproveitou tamén a comparecencia para especificar como quedarían os niveis de risco establecidos e as restricións que implicarían. Ao respecto, e sobre o nivel máximo -cunha incidencia a 14 días superior a 500 casos-, as medidas que rexerán serán: non se poderá entrar e saír deles salvo por causa xustificada; haberá toque de queda entre 23 e 6 horas; a hostalería permanecerá pechada; e estarán prohibidas as reunións de non conviventes, unha cuestión para a que haberá que pedir o referendo das autoridades xudiciais.

No caso do nivel alto -para taxas de entre 250 e 500-, as medidas serán: libre mobilidade; non haberá toque de queda; a hostalería poderá abrir só terrazas ao 50%; e estarán permitidas as reunións de catro persoas en lugares pechados e seis en exteriores, cuestión que terá que ser ratificada polos tribunais.

Sobre o nivel medio -para incidencias entre 150 e 250-, Feijóo subliñou que para estes concellos establecerase: libre mobilidade, non haberá toque de queda, a hostalería terá un aforo do 30% no interior e do 50% no exterior, e permitirase a reunión de 4 persoas en lugares pechados e de 6 en exteriores.

Por último, no nivel medio-baixo, é dicir, con taxas de menos de 150, establecerase: libre mobilidade, non haberá toque de queda, a hostalería ao 50% en interior e 75% en exterior, e poderán reunirse 4 persoas en lugares pechados e 6 en exteriores.

Novos avances nas residencias de maiores e nos centros de día

Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse tamén ás medidas para seguir avanzando na apertura das residencias de maiores e dos centros de día. Así, nos centros de día que superen o 90% de usuarios vacinados: permitirase aos usuarios pasear pola contorna, sempre coa compañía dos seus coidadores; e nos centros de día que compartan instalacións cunha residencia, o persoal que estea vacinado poderá rotar entre ambos os centros.

Nas residencias, os maiores poderán saír para pasar uns días coas súas familias -como mínimo cinco días e realizando unha PCR ou proba de antíxenos ao volver ao centro-, agás cando o domicilio da familia estea nun concello de nivel de risco máximo. Nas residencias situadas nos concellos cun nivel medio e medio baixo de risco, poderase pasar de 3 saídas por semana a un máximo de 5, de ata 4 horas cada unha. Por último, e durante as visitas dos seres queridos aos usuarios, poderá volver manterse o contacto físico.

Remata o estado de alarma pero non remata a pandemia

Feijóo concluíu lamentando que ante o fin do estado de alarma a única solución que ofreza o Goberno central sexa a de xudicializar a pandemia, de forma que os tribunais teñan que avalar moitas das medidas que se deban tomar a partir de agora.

“Remata o estado de alarma pero non remata a pandemia”, abundou, incidindo en que Galicia traballará para afrontar a nova situación na que ten que xestionar a pandemia con seguridade xurídica, con argumentos e co máximo rigor; “motivando todas as nosas decisións para obter a autorización do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.