Concerto homenaxe ás vítimas da Covid en Nigrán

O Concello de Nigrán ofrecerá, dentro da programación especial polo mes das Letras Galegas, un concerto especial en homenaxe ás vítimas de Covid-19 este sábado 8 de maio ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a cargo da mezzosoprano e edil de Cultura Nuria Lorenzo e o pianista Alejo Amoedo. A prestixiosa parella musical trae este proxecto do compositor Juan Durán a Nigrán despois de telo estreado con gran éxito o 30 de abril na Real Academia Galega de Belas Artes (A Coruña). O concerto inclúe temas de Alfonsa de la Torre, Alfonsina Storni, Gabriela Mistral, Julia Uceda, Marica Campo e Rosalía de Castro, todas poetisas invisibilizadas pola Historia e ás que Durán, que estará presente, quere dar luz con este proxecto. A entrada é de balde ata completar o aforo que determinan as autoridades sanitarias (o programa, xunto co dossier informativo, está pendurado na web municipal en Portada>Próximos Eventos).

“Gravaremos o disco en xuño e queríamos dalo a coñecer antes en Nigrán”, sinala Lorenzo, quen ven compartindo escenario co pianista Alejo Amoedo desde hai máis de 20 anos. “Foi profesor meu no Conservatorio e, desde entón, cando xorde a oportunidade de facer musica xuntos non o dubidamos, de feito, xuntos fomos os primeiros en actuar en directo en plena pandemia cun público moi reducido na Cidade da Cultura de Santiago ou o Auditorio de Ourense”, indica quen é considerada unha das principais mezzosopranos nacionais, formada da man de Helga Mueller Mollinari (Verona, Italia) e cunha longa traxectoria chea de distincións e actuacións nos principais teatros de España, Europa e Sudamérica. Pola súa banda, Alejo Amoedo, formado co lexendario pianista Zanetti, é especialista no repertorio de compositores galegos e Doutor pola Universitat Politècnica de Valencia.

“Sabemos que en Galicia temos a un Premio Nacional de Poesía da categoría de Julia Uceda? Somos coñecedores da existencia dunha poeta, ensaísta e dramaturga, membro da Xeración literaria do 36, da altura de Alfonsa de la Torre? Temos lido algún poema da malograda Alfonsina Storni? O Premio Nobel de Literatura concedido no seu día ao chileno Pablo Neruda foi precedido anos antes por outro premio Nobel a outra chilena universal: Gabriela Mistral, á que a historia quixo reducir a unha entusiasta mestra de escola”, explica o compositor Juan Durán, Premio da Cultura Galega en 2013 e Premio Reina Sofía de Composición en 2018, quen estará presente no Auditorio Municipal de Nigrán para falar deste proxecto que lle propuxo a Nuria Lorenzo e Alejo Amoedo tras asistir a unha estrea deles dun tríptico de Rosalía de Castro.

“Aínda que moitas persoas se empeñan en manifestar que a situación das mulleres poetas xa está totalmente parella coa dos homes, o certo é que cando se dan listas de escritores, eles seguen sendo maioría. A situación non está nin moito menos normalizada, e isto a pesares de que a literatura con voz feminina luce unha calidade indiscutible ao longo do tempo, basta lembrar nomes lendarios: Juana Inés de la Cruz, Rosalía de Castro… a nómina de poetisas de recoñecido prestixio é sorprendente, pero aínda son moitas as voces silenciadas, cando non esquecidas ou decididamente ignoradas”, manifesta este autor recoñecido polo seu gran compromiso coa cultura galega e artífice de obras de cámara, vocal, sinfónica e escénica, ademais de arranxos e orquestracións de música galega.

“É unha sorte e un privilexio que Nigrán poida coñecer de preto este proxecto froito de tres músicos de recoñecidísimo prestixio e comprometidos coa cultura e a visibilización da muller”, resume o alcalde, Juan González.