Maica Larriba visita o Servizo Marítimo da Garda Civil de Pontevedra

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou hoxe, xunto ao coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, a base do Servizo Marítimo da Garda Civil de Pontevedra, situada na Escola Naval de Marín. Na actualidade, esta unidade está integrada por un total 45 gardas civís que vixían os 640 km de costas da nosa provincia, desde a ría de Arousa ata a desembocadura do Miño.

Larriba quixo destacar unha parte fundamental do seu traballo, “que é o seu rol na loita contra o narcotráfico. A súa actuación foi decisiva en numerosos dispositivos, contribuíndo a neutralizar o impacto do crime organizado na nosa provincia”. Entre as súas operacións recentes máis salientables destaca a súa participación na incautación do semisumerxible requisado na ría de Aldán no ano 2019, así como a aprehensión de dúas lanchas (planadoras) na ría de Arousa destinadas ao narcotráfico durante o 2020. Na actualidade, unha destas lanchas é empregada polo propio Servizo Marítimo para a realización das súas tarefas de control, auxilio e vixilancia.

Larriba lembrou que “a loita contra o narcotráfico é unha prioridade do Ministerio do Interior, que desde 2018 impulsou plans específicos así como numerosas operacións das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado dirixidas a acabar co crime organizado”.

Durante a súa visita, a subdelegada coñeceu de primeira mans os medios materiais empregados polo Servizo Marítimo Provincial, entre os que destacan unha patrulleira de altura de 30 metros de eslora, unha patrulleira media de 16 metros de eslora, unha patrulleira lixeira de 14 metros de eslora, unha embarcación semirríxida de 8 metros con motor de 300cv e unha foraborda de 60cv e 4,5 metros, ademais de 4 vehículos.

Larriba quixo destacar tamén o importante labor que desenvolve este Servizo no ámbito da inspección pesqueira, colaborando xunto ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a unidade autonómica no control de capturas, así como no control, inspección e vixilancia das actividades de pesca recreativa e profesional.

Do mesmo xeito, entre as funcións da Garda Civil do Mar atópase a vixilancia da náutica, controlando as embarcacións de recreo e de pesca deportiva e colaborando nas diferentes operacións de salvamento e auxilio no mar.

O Servizo Marítimo provincial

O Servizo Marítimo da Garda civil foi creado mediante a Lei Orgánica 2/1986, do 13 de marzo, e posteriormente as súas funcións foron reguladas mediante Real Decreto en 1991, o que supuxo estender á demarcación marítima o que o Corpo da Garda Civil viña facendo no ámbito terrestre.

As primeiras embarcacións do Servizo Marítimo entregáronse no ano 1992, que prestaron servizo na Olimpíada de Barcelona e o Exposición Universal de Sevilla. Posteriormente o despregamento foise completando ata cubrir todas as provincias costeiras do territorio español.

Entre as funcións da Garda Civil dentro das augas marítimas españolas destacan a prevención e investigación de delitos, a persecución do contrabando, a conservación da natureza e do medio ambiente, o control e a inspección pesqueira e de embarcacións deportivas, a protección do patrimonio histórico mergullado e o control da inmigración irregular.

Os Servizos Marítimos Provinciais dependen orgánica e funcionalmente da Comandancia da Garda Civil territorial onde están situados e tecnicamente da Xefatura do Servizo Marítimo.