O PP de Gondomar critica o atraso e as deficiencias das obras de saneamento do barrio de Fontenla en Vilaza

A voceira do Partido Popular de Gondomar acudiu esta semana ao barrio de Fontenla en Vilaza onde o Concello de Gondomar está executando obras de saneamento despois de que estas se atopen paradas dende hai semanas, causando diversos inconvenientes aos veciños. Na visita feita ás obras, os membros do PP puideron comprobar o estado no que se atopan, pendentes do remate e reposición do firme do camiño e con varias tapas de arquetas soltas, o que pode producir danos aos usuarios do mesmo.

Os veciños advertiron do perigo que supón para os coches e as persoas unha arqueta que se atopa medio aberta e que permite que calquera poida caer na mesma. Ao mesmo tempo nestes días de choivas as pedras e terra arrastradas pola auga van directamente ao sumidoiro, aumentando o caudal na rede xeral de saneamento e con moitas posibilidades de obstruílo.

As obras de saneamento en Ramal do Núcleo de Fontenla en Vilaza, que comezaron os primeiros días de febreiro, foron adxudicadas o pasado 16 de decembro por un importe de 27.845,20 € e con un prazo de execución de catro semanas, polo que xa acumulan máis de mes e medio de retraso, tempo que os veciños seguen sufrindo as consecuencias.

A voceira do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, volve a incidir en que “estamos unha vez máis ante un incumprimento por parte dunha empresa adxudicataria dunha obra, e a oposición ten que realizar o traballo de control e seguimento das obras que debería realizar o goberno municipal, que conta con sete concelleiros con dedicación exclusiva”.