O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, renovou os convenios de colaboración anual con diferentes entidades sociais do municipio e da comarca, a través da Concellería de Benestar Social, cunha dotación total de 10.000 euros. A firma enmárcase dentro da política do executivo de facilitar as ferramentas e medios posibles ás organizacións deste tipo ou comunitario que coa súa actividade redundan en beneficio dos veciños e veciñas de Gondomar.
É o caso do Centro Juan María, que atende a mozos/as do municipio de Gondomar así como da comarca do Val Miñor, e que percibirá unha axuda de 3.000 euros para o desenvolvemento de actividades e atención dos alumnos/as que nel aténdense. Ademais tamén se asinaron os convenios de colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro, cunha dotación de 2.000 euros, así como con Autismo Vigo e a Asociación de Axuda ao Pobo Saharauí, cunha dotación de 2.000 e 1.000 euros anuais, respectivamente.
Por último, o Concello de Gondomar achegará unha axuda de 2.000 euros á Asociación Avelaíña, dedicada á atención de persoas con problemas de saúde mental.




