Achado un golfiño vivo varado en Baiona

Un golfiño riscado (Stenella Coeruleoalba) quedou na mañá deste domingo varado con vida na Ladeira, en Baiona. Foi un pescador quen o atopou ás 7:30 da mañá e deu o aviso. “Aos 5 minutos chegou a policía e aos 10-15 minutos chegamos nós. Xa estaba bastante canso, aínda mantiña bastante actividade, non tiña feridas externas máis que unha ferida na boca”, explicou Alfredo López, da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, con sede en Nigrán.

“Decidimos rehidratarlo e reintroducirlo alí na mesma Ladeira –continuou explicando López-, dado que hoxe non había moito mar e non había ondada e era fácil sacalo por alí. Ao principio tardou en reaccionar porque estes animais que están varados quedan como anquilosados, cústalles moito recuperar o movemento, pero en pouco tempo recuperou, fixo unha tentativa de varar, e á segunda pois xa conseguiu saír un pouquiño en dirección á boca da ría”.

Desgraciadamente, unha hora máis tarde o animal volveu varar, esta vez na praia de Santa Marta. “Xa nos esperabamos que volvese varar. Esta especie cando aparece é moi difícil que volva saír para o mar. Volveu varar moi esgotado e simplemente puxémoslle final e sacrificámolo, cos métodos menos crueis. Segundo explicou López, tratábase dun exemplar adulto duns 15 anos, de 2,20 metros. Foi trasladado ata as instalacións do CEMMA en Nigrán, onde se lle realizará a autopsia.

No que vai deste ano xa vararon uns 150 animais, a maioría deles mortos. Aproximadamente un 10% destes exemplares varan vivos. “O que facemos é reintroducirlos no mar, no caso dos cetáceos non hai un centro de recuperación onde poder evacualos, e a única posibilidade é reintroducirlos no mar, neste caso foi o que se fixo pero non houbo posibilidade porque o animal xa non tiña forzas para sobrevivir”, concluíu Alfredo López.

Achado un golfiño vivo varado en Baiona

🎥 VIDEO: Achado un golfiño vivo varado en Baiona.

Publicado por Valmiñor TV en Domingo, 2 de mayo de 2021