Podemos Nigrán e Esquerda Unida manifestan “a falta de rigor do goberno municipal”

Na sesión plenaria do pasado Luns aprobáronse distintas propostas que levaba o Goberno local, entre as que se atopaban unha RPT (Relación de Postos de Traballo), a delegación de competencias para a aprobación dun incremento orzamentario en relación con dotar de financiamento para poder licitar o contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a aprobación das bases específicas para a segunda convocatoria de subvencións e axudas aos sectores de hostalería e taxi, e un recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe de 123.658,51€.

Dado que o goberno municipal coa maioría absoluta da que agora dispón, mudou o horario dos plenos para as 12 do mediodía, dificultando a presenza e a participación da veciñanza, ambas formacións queren trasladar á cidadanía a falta de rigor e transparencia, “mesmamente chegando a faltar á verdade”, coas que o goberno de Nigrán leva os asuntos ao pleno “e mesmamente alí os modifica de xeito antidemocrático, moitas veces incumprindo co lexislador e os aproba”.

“No tocante á aprobación da Relación de Postos de Traballo, sendo totalmente necesaria a súa aprobación e valoración para o correcto funcionamento dunha administración local, reprobamos que se aprobe de forma irregular como así se constatou no pasado pleno, ao ser aprobada con múltiples reparos de intervención e dando dita área xurídica do consistorio un prazo de dúas semanas para liquidar ditas irregularidades que se contemplan no documento pertinente”, apuntan desde Podemos e Esquerda Unida.

“Con respecto á aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 123.658,51 euros –continúan-, indicador suficiente da nefasta xestión económica, pon de manifesto a dificultade do propio grupo de goberno para cumprir e gobernar seguindo os orzamentos deseñados por el mesmo”.

Con relación á delegación de competencias para a aprobación do incremento orzamentario para dotar de financiamento e poder licitar o contrato do SAF, “dita delegación de competencias se fundamenta na falta de previsión deste goberno tal como se pon de manifesto na propia proposta da alcaldía: o motivo da mesma é que o actual contrato rematou xa no ano 2020, estando o mesmo prorrogado. Isto, semella o comezo de licitar un contrato de xeito pouco transparente e democrático, é o pleno quen ten que decidir a licitación dun contrato, non solicitar a delegación de competencias sen a documentación precisa co contido que contén o que se vai a aprobar e o que non”.

Para finalizar, o pleno tivo que paralizarse por non levar o goberno a documentación pertinente relacionada coas bases das axudas á hostalería e taxi, “bases que incorren nun defecto de nulidade de pleno dereito, ao ser aprobadas ditas bases e non contar as mesmas con orzamento específico destinado para cubrilas”.

Para Podemos e Esquerda Unida de Nigrán todo isto pon de manifesto a falta de rigor e de talante democrático e de transparencia do goberno municipal, “unha xestión que podería poñer en risco cuestións tan importantes, como a RPT ou o SAF, onde a presentación dunha denuncia perante ditos documentos e o procedemento de aprobación dos mesmos podería paralizalos ou mesmamente anulalos”.