Sin categoría

Nigrán acolle a 4ª Proba da Copa Galega de Enganches

Os terreos municipais do Parque Empresarial Porto do Molle (ao carón do río Muíños) acollerán este sábado pola tarde a cuarta proba puntuable da Copa de Enganches de Galicia, organizada pola Federación Hípica Galega en colaboración co Concello de Nigrán e a Deputación Provincial. Trátase dunha oportunidade única en toda a comarca de apreciar esta  disciplina deportiva, xa que é a primeira vez que se realiza dentro dunha competición oficial.

O evento deportivo preséntase como unha tarde festiva, xa que ao finalizar as probas haberá xincanas ecuestres (mounted-games) e a actuación a actuación musical de “La Patrulla”, ademais se instalará unha cantina. A competición arrancará ás 17:00 horas con limoneras (nome que recibe a modalidade de enganche cun só cabalo), ás 18:00 horas con troncos (enganche con dous cabalos) e ás 18:30 horas proba libre.  «En Nigrán e en toda a comarca do Val Miñor existe unha gran afección ao cabalo, por iso falamos co Concello de Nigrán para poder celebrar esta proba aquí», sinalan dende a organización.

Esta Copa de Enganches de Galicia celébrase en toda a comunidade, disputándose as anteriores probas da tempada en Cartelle, Silleda e Ponteceso. Tras o seu paso por Nigrán quedan dúas máis, unha delas o 1 de outubro en Villamarín (Ourense) e outra pendente de concretar na que se proclamarán os campións que optarán a representar a Galicia e á Federación Galega no Campionato de España 2018.

A disciplina hípica de enganches desenvólvese en Galicia como competición federada desde o pasado ano, anteriormente realizábanse exhibicións nas diversas festas cabalares de Galicia da man de particulares ou de asociacións creadas para iso, como Club de Enganches de Galicia.