Cinco persoas optan á praza de técnico de deportes de Nigrán tras a primeira proba eliminatoria

O Pavillón Municipal de Panxón acolleu a primeira proba do proceso selectivo para cubrir a praza de técnico de deportes municipal, proceso ao que aspiran cinco persoas que superaron este exame teórico de carácter eliminatorio. En total, presentáronse 20 persoas das 42 que estaba oficialmente admitidas, celebrándose nesta instalación municipal con todos os protocolos de seguridade Covid-19. Os cinco aspirantes (con Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte ou equivalente) deberán afrontar nos vindeiros días un exame práctico e a proba de galego en caso de non estar exentos dela (ambas tamén eliminatorias).

Este proceso selectivo permitirá cubrir a vacante de Técnico de deportes municipal tras máis dunha década sen ela por xubilación e ao impedir o goberno central a través da “lei Montoro” (vixente ata 2019) ampliar o persoal nos concellos. Ademais, posibilitará crear unha bolsa á que recorrer en caso de precisar substitucións.

“Era algo moi necesario. Recentemente incorporamos a unha conserxe de Deportes e agora teremos ao fin un técnico, o que nos permitirá organizar mellor todas as nosas actividades deportivas e implementar novas”, sinala o alcalde, Juan González.