Baiona saca a concurso a renovación da iluminación pública en varias zonas rurais

O Concello de Baiona seguirá sumando tecnoloxía LED. E farao coa renovación da iluminación pública en distintas zonas das parroquias do municipio. Para iso, o Consistorio publicou o anuncio de licitación cuxo prazo de presentación de ofertas finalizou. O concelleiro responsable da iluminación pública, Óscar Martínez Álvarez, sinala que “o contrato inclúe a substitución dun total de 158 luminarias por tecnoloxía LED de alta calidade. O uso de luminarias led implicará un aforro de máis do 65% do consumo de electricidade e estímase un aforro de máis de 6.000 euros anuais para as arcas municipais”.

O Concello de Baiona ten como obxectivo a redución do consumo de enerxía eléctrica nas instalacións públicas e na súa iluminación. O estado actual da rede de iluminación pública está totalmente desactualizado, existindo unha gran cantidade de lámpadas de gran consumo. O consumo enerxético anual da instalacións, obxecto deste proxecto, antes da reforma é de 68.040 kWh/ano, unha vez feitas as reformas aquí propostas estímase que o consumo enerxético será de 22.800 kWh/ano, o que representa un aforro de 45.240 kWh/ano, é dicir un 66,49 % da enerxía consumida actualmente.

Doutra banda, o estado actual das cabezas dos farois existentes en distintas zonas rurais causa moitos problemas, especialmente no inverno. Esta actuación busca unha mellora para os usuarios diarios destes viarios e para o Concello, que obterá un menor consumo e unha redución de avarías. “Baiona é unha localidade comprometida co medio ambiente, a eficiencia enerxética e a racionalización dos consumos, polo que seguiremos incidindo para reducir a dependencia enerxética e fomentar tecnoloxías con maior rendemento enerxético. Todas as zonas obxecto da actuación terán unha clasificación A despois das reformas propostas”, destacou o Alcalde, Carlos Gómez Prado.

As actuacións levaranse a cabo na zona de Eidos en Baíña, en Viso de Calvos en Santa Cristina da Ramallosa, na Percibilleira, no Barrio da Torre en Baredo, e na Granxa en Belesar.