Nigrán aproba o segundo rescate da hostalaría e cuadriplicar o orzamento do Servizo de Axuda a Domicilio

O Concello de Nigrán cuadriplicará o orzamento destinado ao servizo de axuda a domicilio, o que permitirá duplicar o número de usuarios ao incrementarse de 165.000 € anuais a 580.000 €. Así o recolle o prego de prescricións técnicas que presentou o goberno local na sesión plenaria de esta mañá co obxectivo de licitar o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (actualmente prorrogado) e que obtivo o voto en contra do PP pese a recoñecer que “a priori son unhas boas bases”. O importe da licitación supón 2’3 millóns de euros, máis dun 10% dos recursos ordinarios do orzamento, polo que o alcalde, como fixo coa tramitación da Biblioteca Municipal, tivo que levar a este pleno unha petición de delegación de competencias para axilizar ao máximo a contratación.

“A escusa do PP para votar en contra é que non coñecen as bases aínda que ao mesmo tempo din lles parecen boas, toda unha contradición, é curioso que leven meses pedindo que axilicemos este contrato e que agora pretendan retardalo máis”, criticou o alcalde, Juan González, quen reprochou que acudisen ao pleno sen ter estudado o expediente no que constan os pregos técnicos desde hai xa dúas semanas.

Tal e como explicou o rexedor, nas bases prima a calidade sobre a oferta económica e a duración será de dous anos con posibilidade de aumentalo a outros dous (de 2021 a 2025). O obxectivo do goberno local é duplicar o número de beneficiarios, sendo actualmente unhas 60 persoas. Ademais, inclúe tamén como baremo a mellora das condicións laborais dos empregados co obxectivo de garantir máis xornadas laborais completas e por vez primeira dá cobertura a todos os días da semana incluídos sábados pola tarde, domingos e festivos (a intensidade horaria depende de cada programa individualizado pero nunca será inferior a unha hora diaria).

Segundo plan de rescate hostaleiro

O goberno local aprobou por unanimidade na sesión plenaria desta mañá un segundo plan de rescate tamén municipal por importe de 120.000 € con cargo ao Remanente e que abrangue novamente ao sector hostaleiro e ao do taxi, este último con axudas que se incrementan dos 70 € aos 400 €. A aprobación destas bases será publicada proximamente no BOP, o que abrirá o prazo de solicitudes.

Neste segundo plan as axudas ao taxi serán por cada vehículo que teña o propietario e independentemente da localidade onde estea expedida a licenza, a diferenza da anterior convocatoria. Por outra banda, no sector hostaleiro auméntanse o número de posibles beneficiarios dentro dun mesmo negocio recoñecendo a figura do autónomo colaborador e de máis socios. “Criterios como o empadroamento, localización do establecemento e domicilios fiscais foron revisados e mellorados nesta ocasión para poder de verdade chegar a gran maioría do sector do taxi e da hostalaría, dando así un paso máis”, resumiu Raquel Giráldez, edil de Desenvolvemento Local, quen aclarou que os desempregados sen prestación que tiveran un contrato neste sector entre o 20/10/2020 e a actualidade terán novamente dereito a 750 €. Finalmente o PP votou a favor pese a criticar na sesión que sexan axudados só os hostaleiros “só por ser os que máis protestaron, é dicir, por un criterio mediático do goberno local”. Neste sentido, o rexedor engadiu que se presentará un terceiro plan de rescate dirixido a outros sectores tamén afectados duramente pola pandemia.

Valdoviño

O Concello de Nigrán aprobou oficialmente hoxe a proposta de irmandamento co coruñés de Valdoviño co obxectivo de promover e fomentar a cultura surfista que comparten desde a orixe deste deporte en Galicia nos anos 70. Trátase este do primeiro irmandamento para o municipio e conta tamén co apoio da Federación Galega de Surf e a Asociación de Escolas de Surf de Patos.

Outras cuestións

Paralelamente, o goberno local aprobou en solitario o recoñecemento de pago de 136 en facturas por importe total de 123.657 € e, por unanimidade, delegar o nomeamento do Xuíz de Paz no Tribunal de Xustiza de Galicia. Ademais, aprobouse a primeira Relación de Postos de Traballo do Concello de Nigrán proposta polo goberno, aspecto que contou co voto a favor de toda a corporación e que xa viña referendado pola mesa de negociación sindical. “Por fin cumpriremos co imperativo legal de ter unha RPT aprobada polo Concello de Nigrán, a primeira da súa Historia e que permitirá corrixir desigualdades inxustificables”, sinalou Diego García Moreira, edil de Persoal.

Finalmente, o alcalde de Nigrán recordou á oposición que o Concello de Nigrán dispón dunha partida orzamentaria de 40.000 € para a compra de alimentos e, tal e como lexislou o goberno central ao inicio da pandemia, os municipios poden empregar o seu superávit para cuestións sociais mediante decreto de alcaldía, tal e como xa fixo en xuño de 2020 con 100.000 € destinados a este fin e 20.000 € para a compra de EPIS. “Temos actualmente cartos suficientes para garantir a compra de alimentos aos usuarios dos Servizos Sociais pero, evidentemente, ampliaremos a contía en canto sexa preciso mediante decreto e coa cantidade que se estime necesaria para cubrir esas necesidades, non hai nin haberá ningún problema de falta de cartos para este fin, non confundamos”, reiterou González, quen declinou novamente incluír ás ONG no reparto de alimentos. “Respectamos o seu traballo pero o noso é un servizo público”, sinalou.