Denunciados catro mozos, un deles de Nigrán, por realizar un grafiti en O Porriño

A Garda Civil denunciou a catro mozos como supostos autores dunha infracción á Lei de Seguridade Cidadá por deslucimento de bens inmobles tras realizar unha pintada no Porriño.

Os mozos foron sorprendidos infraganti por unha patrulla de seguridade cidadá do Posto Principal da Garda Civil do Porriño, o pasado venres, cando estaban a realizar un grafiti de considerables dimensións nun muro do centro do Porriño, que se atopa debaixo da autovía A-55.

Unha vez identificados, interviñéronselles os 39 sprays que tiñan, ademais dos útiles que estaban a utilizar e foron denunciados por infrinxir a Lei Orgánica 4/2015 sobre Protección da Seguridade Cidadá (Art. 37-13) por “danos ou o deslucimento de bens mobles ou inmobles de uso ou servizo público, así como de bens mobles ou inmobles privados na vía pública, cando non constitúan infracción penal”.

Os presuntos autores desta pintada, tres deles veciños de Vigo e con antecedentes xa por feitos similares e un de Nigrán, en idades comprendidas entre os 20 e 24 anos, pódense enfrontar a unha sanción económica de 600 euros ademais do pago dos gastos que xera a reposición do inmoble afectado ao seu estado orixinal.