Detido un veciño de Vigo como presunto autor de roubos en vehículos en Baiona

A Garda Civil detivo a un veciño de Vigo, de 65 anos, como presunto autor dunha decena de roubos en vehículos cometidos o pasado mes de marzo en Baiona, Moaña e Ourense. As investigacións realizadas por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán para o esclarecemento de catro roubos en vehículos que se cometeron no municipio de Baiona, levou á identificación do presunto autor, ao que se lle atribúen outros cinco roubos das mesmas características: catro deles na provincia de Ourense e outro máis en Moaña (Pontevedra).

En todos os casos investigados, os vehículos estaban estacionados na vía pública e accedía ao seu interior tras romper o cristal dunha das portas posteriores, para apropiarse dos obxectos e as carteiras porta documentos que había dentro. No marco da denominada operación “Garrida”, a Garda Civil de Baiona esclareceu a autoría de catro roubos cometidos na súa demarcación territorial: dous deles en Cabo Silleiro (15 e 22 de marzo) e outros dous no aparcamento público do Parador de Turismo (17 e 26 do mesmo mes).

A través da posterior utilización das tarxetas bancarias que subtraera nestes vehículos, a investigación derivou na identificación, do presunto autor, resultando ser un veciño de Vigo, de 65 anos, cun amplo historial delituoso. Como resultado da mesma operación atribúenselle catro roubos máis, noutros tantos vehículos, que cometería os días 19 e 22 do mesmo de marzo en Ourense, concretamente nas proximidades das instalacións termais de Outariz, onde se desprazou utilizando o seu propio vehículo.

Por último, identificóuselle tamén como presunto autor doutro roubo cometido o 24 do mesmo mes en Moaña. Nesta ocasión fracturou os cristais dos portelos traseiro e dianteiro do mesmo lateral e apoderouse de dúas bicicletas e dous pares de patíns, que foron recuperados. As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Vigo, onde deberá comparecer o presunto autor cando sexa requirido pola autoridade xudicial.