Nigrán promove as compras de proximidade cos comerciantes como grandes protagonistas

O Concello de Nigrán lanza desde mañá xunto a Asociación de Empresarios Ovalmi a campaña de promoción do comercio local “Eu son de mercar en Nigrán. E ti de quen ves sendo?” que dá continuidade ao hashtag iniciado no Nadal #VivoEnNigránComproEnNigrán. A iniciativa municipal sitúa novamente como protagonistas aos propios comerciantes do municipio, seleccionando a máis dunha vintena deles de diferentes parroquias e sectores como imaxes de toda a cartalaría e como testemuñas dos vídeos que se irán estreando paulatinamente. O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para incentivar o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como xa o fixo incluso no confinamento coas pequenas tendas de alimentación, as panaderías en Pascua ou o Día da Nai. Nesta ocasión adoita un cariz máis informal e divertido mediante o propio deseño, os posados dos protagonistas e a propia pregunta popular “E ti de quen ves sendo?” coa súa agardada resposta “Eu son de mercar en Nigrán” e o recordatorio “Cando mercas local enriqueces ao teu pobo e axudas aos teus veciños”. Frases que o Concello desexa que perduren xunto ao #VivoEnNigránComproEnNigrán.

“Esta é a campaña municipal máis ambiciosa ata o momento, as anteriores tiveron moito éxito e queremos seguir apelando á responsabilidade individual para que as nosas rúas sigan con vida e para que superemos xuntos esta crise sanitaria e económica, por iso queremos poñerlle cara aos nosos veciños comerciantes”, resume o alcalde, Juan González, quen agradece a Ovalmi a súa total disposición a colaborar con esta iniciativa que inclúe difusión publicitaria e en redes, regalo de 8.000 bolsas e carteis entre o pequeno comercio, vinilos para escaparates, pegatinas ou a próxima estrea de oito vídeos coas experiencias persoais de diferentes comerciantes de Nigrán.

“Os vinte comerciantes actúan como a voz de todo o tecido comercial do municipio, xuntos subliñan que non é preciso saír de Nigrán para mercar produtos da mellor calidade ou de gran singularidade”, incide o alcalde. Así, participan desde unha peixaría a un centro de estética, tendas de roupa, establecementos hostaleiros, bazares, un taller de rodas, unha mercería…

A campaña terá continuidade no tempo, polo que desde o Concello de Nigrán animan a todos aqueles comerciantes interesados en participar coa súa imaxe a escribir a comunicacion@nigran.org co fin de ser eles os próximos protagonistas.

Todo o material promocional (bolsas de papel kraft, vinilos para os escaparates, pegatinas e carteis) será entregado por Ovalmi entre os seus asociados e os non asociados deberán dirixirse ao Concello (Oficina de Información Cidadá, luns a venres de 9:00 a 14:00) para recoller o seu lote, que será repartido ata esgotar existencias. Todo o deseño é obra, precisamente, da deseñadora gráfica de Nigrán Olalla Fernández e a camarógrafa miñorana Cristina Grande.

O Concello de Nigrán xa ten elaborado e difundido con anterioridade un decálogo que enumera os motivos para mercar no municipio: “Porque xuntos venceremos esta crise. Porque somos veciños. Porque cando todo isto pase seguiremos mantendo as rúas con vida. Porque axudas as persoas emprendedoras e xeras emprego. Porque a riqueza se queda no pobo. Porque evitas maiores desprazamentos e resulta ecolóxico. Porque aínda que agora o tape a máscara, sempre temos un sorriso de agradecemento. Porque ti nos importas”.