O Vigo-Rías Baixas regresa á competición na Copa de España de Valladolid

O calendario do equipo elite-sub23 do Vigo-Rías Baixas renóvase este domingo tras unha breve paréntese por prudencia sanitaria. A aparición no seu persoal dun caso illado de covid-19 levou á dirección da estrutura presidida por José Luis Chamorro a renunciar por cautela ás carreiras que tiña previsto disputar a pasada fin de semana e a someter aos seus corredores a probas PCR. Unha vez coñecidos os resultados negativos deses test, o conxunto flúor regresa á competición na X Clásica Valladolid – Memorial Ángel Lozano.

Ao non participar o pasado domingo na Clásica Cidade de Torredonjimeno, as aspiracións da formación olívica na Copa de España víronse seriamente penalizadas. A loita polas clasificacións xerais, tanto individual como por equipos, queda agora nun segundo plano e os pupilos de Marcos Serrano centraranse en buscar éxitos parciais nas citas do certame estatal.

A Copa de España alcanza este domingo a súa cuarta xornada e o Vigo-Rías Baixas acode a Valladolid cun bloque liderado por Miguel Ángel Fernández. O ex profesional cántabro tentará rendibilizar a súa potencia nunha carreira que se adapta perfectamente ás súas características. Os seus seis compañeiros en terras valisoletanas serán Ander del Castaño, Asier González, Pelayo Mosteiro, Jon Tena, Nicolae Bumbu e Jorge Fernández.

Esta proba con inicio e final na capital valisoletana presenta un perfil idéntico ao da pasada campaña, unha edición que se resolveu ao sprint na chegada xunto á Cúpula do Milenio. Os corredores terán que ascender sete cotas puntuables, todas elas de 3ª categoría, nun percorrido de 161 quilómetros onde o vento tamén pode xogar un importante papel. O bandeirazo de saída está fixado para as 09:30 horas.

Júniors

A actividade do Vigo-Rías Baixas durante esta fin de semana non se limitará á Copa de España Elite-Sub23 e o equipo júnior tamén competirá fóra de Galicia. Os ciclistas que dirixe Sergio Moldes desprazaranse a Cantabria para afrontar unha dobre cita do calendario estatal. O sábado formarán parte do pelotón do XXX Memorial Chele Campos e o domingo espéralles o Gran Premio El Baruco.