Nigrán constituirá un órgano de participación infantil formado por vinte nenos e nenas

O Concello de Nigrán dá un paso máis no seu compromiso para conseguir o recoñecemento do selo “CAI” (Ciudad Amiga de la Infancia) que concede o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) de forma bienal. Deste xeito, desde esta semana a totalidade do alumnado dos centros educativos do municipio ten a súa disposición (a través do seu profesorado) unha enquisa online con diferentes cuestións de especial interese. Igualmente, todo o adulto que desexe colaborar pode facelo enchendo outra específica para eles a través da web municipal. O obxectivo é completar o diagnóstico da situación da infancia en Nigrán a través de preguntas como se son suficientes as instalacións deportivas municipais ou as actividades organizadas para eles.

“Analizando estes datos e outras cuestións poderemos establecer un diagnóstico da situación da infancia en Nigrán que nos permita definir os nosos retos, prioridades e obxectivos a medio prazo”, explica Marina Vidal, concelleira de Educación e quen previamente a este paso mantivo reunións con todos os centros educativos.

Paralelamente, o goberno local constituíu xa unha mesa de coordinación interna e está a ultimar a regulación do futuro Consello Municipal da Infancia e da Adolescencia, un órgano de participación que pretende arrancar no mes de xuño e que estará integrado por unha vintena de menores. “O obxectivo deste órgano será contar coa voz da infancia á hora de levar adiante calquera proxecto municipal e, os mesmo tempo, que sexa o seu lugar para aportar suxestións e melloras”, explica a edil, quen ten como obxectivo acadar o selo CAI na próxima convocatoria de 2022, sumándose nese ano Nigrán aos outros 8 municipios de Galicia que xa o teñen (en Pontevedra son Redondela, Porriño e Tomiño).

“Queremos deseñar e desenvolver políticas locais a favor da infancia de acordo cunha entidade tan respectada como Unicef, ao fin de contas trátase de facer partícipes ás crianzas e adolescentes da vida municipal, queremos darlles voz para que eles tamén teñan dereito a opinar e decidir. Sería un orgullo para Nigrán obter o selo CAI e, aínda que sabemos que é difícil, estamos a poñer todo o noso empeño para logralo”, explica Juan González, alcalde de Nigrán.

O programa CAI foi creado por Unicef Comité Español en 2001 co propósito de promover a aplicación da Convención dos Dereitos do Neno (CDN) en pobos e cidades da xeografía nacional, forma parte á súa vez da Iniciativa Cidades Amigas da Infancia, liderada por Unicef Internacional desde o ano 2000 e no que colaboran gobernos nacionais, administracións locais, ONG…