O Val Miñor reclama a recuperación do sistema sanitario público galego

A Plataforma SOS Sanidade Pública de Val Miñor convocou este mércores unha concentración na Alameda da Ramallosa para recuperar o sistema sanitario público. Reclaman normalizar os centros de saúde e garantir a asistencia presencial, un plan para afrontar as listas de agarda acumuladas, información transparente e acceso universal ás vacinas Covid, incrementar o persoal e rematar coa súa precariedade e inestabilidade, e rexeitar a reforma da Lei Galega de Saúde, que segundo afirman, recorta as liberdades cívicas.

Manifesto pola recuperación do sistema sanitario público galego trala pandemia da Covid-19

A PLATAFORMA SOS SANIDADE PÚBLICA denuncia a utilización política e partidista da COVID-19 por Núñez Feijóo, que acapara toda a información e decisións sobre a pandemia nos medios de comunicación, aproveitando o traballo realizado polo persoal da sanidade pública no seu beneficio político e persoal.

A pandemia chegou a unha Atención Primaria debilitada e deteriorada polos gobernos do PP, apenas o 12% do gasto sanitario, sen suficientes recursos humanos, materiais e organizativos. A Atención Primaria, que tería que ser fundamental para o seguimento, control e tratamento de enfermos da COVID-19, tanto nos Centros de Saúde como nos seus domicilios, encontrouse ca falta de recursos, que limitou a súa capacidade para poder asumir esas novas funcións e poder continuar atendendo adecuadamente as outras patoloxías e demandas da poboación.

As barreiras de acceso aos Centros de Saúde e ás especialidades hospitalarias (que suspenderon consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas e non poder dedicarse as outras enfermidades non COVID-19), afecta á saúde da poboación, con incremento da mortalidade Non-Covid-19 e está xerando un gran malestar, tanto do persoal sanitario, como a nivel social; os profesionais dos centros sanitarios, aos que se culpa pese a ser insuficientes, onde moitos deles están en precario, pero iso si, sempre comprometidos.

A dificultade para comunicar cos centros de saúde e para recibir unha asistencia presencial, favorece que a poboación recorra ao sector privado o que incrementa as desigualdades de saúde. Recuperar a consulta presencial e a actividade normal dos Centros de Saúde, non debe supoñer volver á situación anterior de masificación e medicalización da Atención Primaria.

A responsabilidade da situación nos Centros de Saúde e Hospitais é do SERGAS e da Consellaría de Sanidade, de onde saen as ordes para aplicar logo nos Centros.

Seguimos sen ter información transparente da situación de saúde e dos problemas coas vacinas que esta a crear gran preocupación social. A Xunta, aproveitouse desta alarma social, para modificar, por segunda vez, a Lei Galega de Saúde coa finalidade de recortar dereitos e liberdades cívicas fundamentais de xeito inconstitucional. O apoio social á loita contra a COVID-19, debe basearse no acordo e colaboración da poboación e non no temor a unhas sancións represivas e desproporcionadas. Resulta intolerable utilizar a pandemia para unha manobra de claro márketing político. Recordemos que na anterior reforma da Lei Galega de Saúde, quitáronse catro Áreas Sanitarias e a posibilidade da Participación Cidadá.

A Área Sanitaria de Vigo fixo fronte á Pandemia nunha situación xa deficitaria en recursos humanos e en infraestruturas sanitarias públicas, estando a asistencia sanitaria dunha parte da poboación en mans de empresas americanas a través do concerto con POVISA.

A Atención Primaria da Área de Vigo xa levaba anos en conflito por unha situación desesperada para profesionais e pacientes e a Pandemia non fixo máis que evidenciar esta situación.

A Atención Hospitalaria queda sen infraestruturas no ámbito urbano da cidade de Vigo, o que facilita a expansión de POVISA, ao renunciar o SERGAS á construción dun Centro de Alta Resolución, que ben podería ser situado no antigo Centro de Especialidades da Doblada, e que sería unha importante axuda para facer máis accesibles os recursos asistenciais.

Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, facemos un chamamento a poboación e os profesionais sanitarios, para unha gran mobilización cidadá, que esixa o fin da utilización partidista da pandemia e a elaboración dun Plan para a Recuperación do Sistema Sanitario Público en Galicia.

Os orzamentos da Xunta, e o financiamento que veña da Unión Europea, deben destinarse a incrementar profesionais, darlles estabilidade e evitar a precariedade, mellorar as infraestruturas da atención sanitaria, a investigación de saúde, e aumentar categorías profesionais, como os Psicólogos Clínicos, Terapeutas Ocupacionais, Fisioterapeutas, Logopedas, etc.

Concentración pola recuperación do sistema sanitario público galego na Ramallosa

🎥 VIDEO: Concentración pola recuperación do sistema sanitario público galego na Ramallosa.

Publicado por Valmiñor TV en Miércoles, 21 de abril de 2021