A Área Sanitaria de Vigo leva ofertados 43 contratos de longa duración de médicos especialistas no Chuvi

A Área Sanitaria de Vigo continúa dotando de estabilidade laboral ao seu persoal. Así, no que vai de ano leva ofertados 43 nomeamentos de longa duración de persoal facultativo, de distintas especialidades, para o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Con esta iniciativa procúrase adiantar a cobertura das vacantes que se cubrirán definitivamente nas oposicións en curso.

Precisamente, o Diario Oficial de Galicia ven de publicar a Resolución mediante a que se ofertan 23 prazas de 11 especialidades diferentes. Delas, a máis numerosa é a de especialistas en Psiquiatría, con oito prazas. Ademais, hai 2 de Alergoloxía, 1 de Cirurxía Vascular, 2 Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, 2 de Hematoloxía, 2 de Medicina Física e Rehabilitación, 1 Medicina Interna, 1de Nefroloxía, 1 de Neurocirurxía, 2 de Neuroloxía, e 1 de Radiodiagnóstico.

A estas hai que engadirlles as 19 convocadas no pasado mes de xaneiro e que corresponden a 14 especialidades: 1 de Anatomía Patolóxica,1 de Anxioloxía e Cirurxía Vascular, 1 de Cardioloxía, 1 de Cirurxía cardiovascular, 2 de Cirurxía ortopédica e Traumatoloxía, 1 de Cirurxía pediátrica, 1 de Cirurxía plástica, 1 de Cirurxía xeral, 2 de Dermatoloxía, 2 de Medicina Interna, 3 de Obstetricia e Xinecoloxía, 1 de Oftalmoloxía, 1 de Otorrinolaringoloxía e 1 de Pediatría.

Promover a estabilidade laboral

Por medio destas convocatorias públicas, a dirección da Área Sanitaria segue na liña de promoción da estabilidade no emprego do persoal eventual, antes da resolución da fase de oposición que consolidará as prazas, agora vacantes por traslado ou xubilación, no Complexo hospitalario vigués.

Ademais, estas iniciativas compleméntanse coas continuas ofertas de nomeamentos de longa duración que estanse a realizar noutras categorías e a cobertura estable de prazas de mandos intermedios, para reforzar a resposta asistencial do sistema público de saúde á actual pandemia.

A Área de Vigo reduce así a taxa de eventualidade da organización en aras de dotar de maior estabilidade no emprego aos profesionais, favorecendo a conciliación laboral e familiar e mellorando tamén a continuidade asistencial.