EU e Podemos Nigrán solicitan medidas de protección e musealización para os restos da praia fósil de Patos

Esquerda Unida e Podemos Nigrán solicitan medidas de protección e musealización para os restos da praia fósil de Patos. A zona, que foi visitada por José Cuevas, voceiro de Esquerda Unida en Nigrán, xunto con Xan Lois Cabreira, Técnico e Bombeiro Forestal e a persoa que fotografou recentemente o bosque fósil de Patos, considerándoa como algo excepcional, cuestión nas que coinciden coas recentes declaracións do Alcalde de Nigrán.

Hai que lembrar que esta zona forma parte da ruta xeolóxica, deseñada recentemente polo Concello de Nigrán, que comeza na Praia de Patos (praia fósil de 120.000 anos de antigüidade, orixinada cando o mar se atopaba por enriba do nivel actual), por concentrar gran cantidade de rochas de diferentes procesos xeolóxicos entre as que destacan, nesta zona conglomerados, sendo un dos puntos máis interesantes de toda a provincia de Pontevedra.

É por elo polo que desde Esquerda Unida e Podemos de Nigrán, consideran que é necesaria a súa protección e musealización, para que, tal como declarou recentemente o Alcalde de Nigrán, “nos axuden a entender a orixe xeolóxica da nosa costa de Nigrán”

Entre as medidas que solicitan están a dotación dun valado de protección dos conglomerados, rochas sedimentarias e dos diferentes estratos formadas en diferentes épocas, que se poden visualizar perfectamente nos noiros onde está situada a escola municipal de Surf. É por elo polo que tamén solicitan que aproveitando o final da concesión desta escola no ano 2022 se retranquee para que non exerza ningún tipo de presión sobre estes noiros. Esta medida de protección sería complementada coa colocación de valados de protección nas partes inferiores e superiores de ditos noiros, similares aos colocados para a protección do ecosistema dunar de praia Lourido – Panxón.

Para finalizar, tamén solicitan a colocación dun pequeno panel informativo para por en valor a riqueza xeolóxica desta paraxe.