Manifesto Miñor denuncia o recheo dunha canteira en Prado

Antonio Araújo, concelleiro de Manifesto Miñor, vén de presentar no Concello de Gondomar unha denuncia na que informa á Concellería de Medio Ambiente que durante o pasado mes de marzo e no que vai de abril, recibiu varias queixas de diferentes veciños e veciñas de Prado-Morgadáns en relación cos traballos de recheo dunha canteira existente no devandito barrio, no lugar de Penide ao camiño dos Lagos, que levaba varios anos “durmida”.

Persoado no lugar puido comprobar o que efectivamente estaba acontecendo alí. “Unha actividade intensiva co obxecto de selar a canteira, tan intensiva como o movemento de varios camións de grande tonelaxe, así como como a pa escavadora achanzando a terra e soterrando os entullos de todo tipo que ían deitando os citados camións. Tamén puiden observar, segundo os logos dos devanditos camións, o nome de tres empresas carrexando e vertendo terra, xabre, entullos, etc”.

Asemade, feitas as correspondentes investigacións no Concello, non consta expediente aberto ao respecto, ignorando se teñen licenza municipal ou calquera outra autorización sectorial ao respecto.

“Se a maiores temos en conta que estamos a falar dunha zona sensible polo existencia na proximidade da devandita canteira que están aterrando abundantes olleiros de auga, nacentes de regueiros con troitas, unha zona húmida na que habitan as dúas especies de “Orballiña” que existen en Galicia, a Drosera Rotundifolia e a Drosera Intermedia moito máis escasa, e mesmo traídas de auga veciñais que segundo informa a veciñanza atravesan a zona, resulta evidente que estamos a falar dun espazo de grande interese natural que cómpre protexer e vixiar calquera actuación que se faga no mesmo ou na súa contorna”, advirte Araújo.

O concelleiro de Manifesto Miñor solicita que dende o Goberno Municipal e dende a Concellería de Medio Ambiente (por ser da súa competencia), se actúe con dilixencia por se houber que tomar medidas que eviten males maiores, protexendo así un espazo natural de tanta importancia, e que os traballos de selado da canteira se fagan axustados á legalidade e seguindo os criterios técnicos, medio ambientais, etc, necesarios.