Máis de 25.000 persoas chamadas a participar nos cribados poboacionais

A Xunta de Galicia continúa a adoptar medidas para facer fronte a expansión do coronavirus na comunidade galega. Deste xeito, na vindeira fin de semana a máis de 25.000 persoas están chamadas a participar nos cribados que procuran identificar novos casos asintomáticos entre a poboación.

Así, xunto co cribado das máis 10.000 persoas, de entre 20 e 40 anos, que botou a andar pasado o luns na cidade da Coruña, a Dirección Xeral de Saúde Pública convocará nesta fin de semana no Concello de Cambre a outras 3.000 persoas, de entre 40 e 59 anos, para realización de probas diagnósticas. Ademais, 900 veciños e veciñas do Concello de Rois, con idades comprendidas entre 40 e 54 anos, serán chamados á realización de test de antíxenos.

De acordo aos últimos datos epidemiolóxicos, Sanidade acordou citar a preto de 3.600 persoas, de entre 18 e 74 anos, nos concellos dos concellos do Barco, Cualedro e Rubiá; e a 3.100 persoas do concello pontevedrés de Vilanova.

No que atinxe a área sanitaria de Vigo, Saúde Pública definiu a realización de probas PCR ao grupo de poboación con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos. Deste xeito, preto de 4.000 vigueses están chamados a participar nos cribados desta fin de semana.

Por outra banda, na xornada de mañá, na área de sanitaria de Lugo, citaranse a 400 persoas no Concello de Meira e, a outras 400 persoas no municipio de Ortigueira.