Gondomar organiza un curso para sacarlle partido ás fotos do móbil

A Concellería de Xuventude do Concello de Gondomar, dirixida por Nuria Lameiro Valverde, brinda á mocidade a oportunidade de trastear e investigar a cámara do móbil ao lado dunha profesional fotográfica. A mocidade, e todos en xeral, atopamos nas redes sociais un modo de compartir o que nos acontece con amigos, familias e grupos. Nela, a foto xoga un papel fundamental de expresión.

Con este curso preténdese que a mocidade aprenda técnicas e consellos para sacarlle o maior partido as fotografías que se realizan co dispositivo móbil. A fotógrafa Miriam Rodríguez, guiará paso a paso as distintas pautas para a realización dunha foto e trucos para editalas de forma rápida e eficaz. Tamén coñecerán os riscos desa exposición en Internet. Non se pretende que non se compartan fotos, pero si, pensar antes de compartir e tomar certas medidas.

A inscrición será do 15 ao 30 de abril. Para solicitar participar no curso deben enviar un correo electrónico a omix@concellodegondomar.gal ou presencialmente e cubrir uns anexos. O curso desenvolverase os sábado 8, 15, 22 e 29 de maio.