Anuncios
Ticker de novas

A Oficina de Turismo de Baiona repunta de novo tras superar os 115.000 visitantes en 2016

A Oficina de Turismo de Baiona rexistrou o ano pasado un importante aumento de visitas despois de dous anos nos que a cifra descendera sensiblemente. Un total de 115.734 persoas pasaron en 2016 polas instalacións municipais do Paseo da Ribeira para solicitar información na súa visita á Real Vila, superando as cifras dos tres anos anteriores: 2013 (107.280), 2014 (106.862) e 2015 (106.709).

“Os datos son a mellor proba de que estamos a facer un bo traballo e o noso esforzo viuse xa recompensado nos últimos meses cos premios en materia turística recibidos en Madrid (Feira Internacional de Turismo – Fitur) que nos colocan coma un referente nacional do sector”, sinalou o alcalde, Ángel Rodal, respecto aos galardóns de Quality Coast Gold (categoría de ouro ao turismo) e Sicted (Sistema Integral de Calidade do Turismo en Destino).

Segundo os datos recollidos pola oficina en 2016, destaca un importante incremento de visitantes estranxeiros con respecto a anos anteriores, tanto en turistas (4.992) como visitantes (7.117) e excursionistas (14.163).

En canto aos nacionais, rexistrouse un pequeno descenso no número de turistas (11.707) e visitantes (30.508), pero un importante incremento no número de excursionistas (44.986).

O excursionista nacional (cun 39% do total) e o visitante nacional (cun 27%) destacan sobre o resto, pero hai que resaltar que, en canto a estranxeiros, o excursionista internacional representa un 12% do total debido en grande medida á nosa proximidade con Portugal e aos grupos pertencentes aos cruceiros que atracan no Porto de Vigo.

O turismo nacional representa o 76% do total de persoas que solicitan información na Oficina de Turismo e por comunidades autónomas destaca Madrid, seguido de Galicia, Castela-León e Andalucía. En canto a procedencia estranxeira, Portugal representa un 44% do total, seguido de Francia e Reino Unido, cada un cun 10%. En 2016 chegaron visitantes de 81 países distintos.

Valoración dos servizos

Respecto ás enquisas realizadas na Oficina de Turismo aos visitantes que chegan a Baiona, os aspectos máis valorados son, por esta orde, a hospitalidade e trato (4,7 puntos sobre 5), información turística (4,7), seguridade (4,35), aloxamento (4,3) e conservación da contorna (4,15 puntos).

O resto de aspectos consultados tamén aproban na enquisa: servizos de restauración (3,97 puntos sobre 5), facilidade de aparcamento (3,9), comercio (3,9), sinalización (3,87), accesos a Baiona (3,75), relación calidade-prezo (3,75), oferta cultural e de ocio (3,6) e transporte (2,9).

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.