Falece unha muller de Gondomar nunha colisión frontal na AP-9

Unha muller de 75 anos natural de Gondomar perdeu a vida e outras dúas persoas resultaron feridas de consideración tras producirse un choque frontal entre dous turismos na AP-9, á altura do punto quilométrico 160, sentido Tui, en Vigo. Ao parecer, a falecida accedeu á autoestrada en sentido contrario.

Debido á situación na que se atopaban os turismos tras o impacto, os bombeiros tiveron que facer uso do material de excarceración para liberar á vítima mortal e aos dous ocupantes do outro automóbil. Os feridos -un home e unha muller- foron trasladados ao centro hospitalario polo persoal de urxencias médicas.

Os xestores de emerxencia do 112 Galicia comezaron a recibir as chamadas de alerta relacionas co accidente ás dez horas da mañá de hoxe. Durante as comunicacións, as testemuñas do suceso solicitaban asistencia urxente para os implicados e indicaban que ningún deles era capaz de abandonar o lugar polos seus propios medios.

Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia púxose en marcha un operativo que contou coa colaboración do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vigo e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía, os servizos de emerxencia informaron que un dos carrís estivo inhabilitado mentres duraron as tarefas de excarceración. O outro permaneceu libre, pero a interrupción parcial provocou retencións na estrada. Por ese motivo, desde o 112 solicitouse tamén a actuación do servizo de mantemento da vía. Ás 12:00 horas a circulación quedou restablecida.

Ademais, tamén informouse dos feitos aos axentes da Policía Local e aos membros de Protección Civil de Vigo.