CaixaBank colaborará cos empresarios de Baiona para reactivar a actividade dos seus negocios

CaixaBank e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA) asinaron un acordo de colaboración co obxectivo de axudar aos autónomos e pequenos empresarios do Val Miñor a recuperar a actividade dos seus negocios, afectados pola crise provocada polo coronavirus. O acordo, que reforza a relación que a entidade mantén nos últimos anos nesta comarca do sur de Pontevedra, foi subscrito por Cristina Vega, directora de Área de Negocio de CaixaBank, e Marcos Comesaña, en representación de ACEBA.

A partir de hoxe, os empresarios de Baiona terán á súa disposición produtos de financiamento en condicións preferentes, innovadoras solucións de protección e seguridade para os seus negocios e diversas ferramentas de xestión, como TPV virtuais ou a solución Social Commerce que permite a venda en liña directamente a través de redes sociais e aplicacións de mensaxería.

“En CaixaBank estamos traballado intensamente para ser parte activa no proceso de recuperación que debe emprender a economía. Propuxémonos acompañar sobre todo a autónomos e pequenos empresarios, o elo máis delicado do sector, para que poidan recuperarse da caída xeneralizada que rexistrou a economía no último ano”, comentou Cristina Vega. “Todo iso”, engadiu, “ofrecendo proximidade, asesoramento e as mellores propostas dispoñibles para que os membros de ACEBA poidan concentrarse no máis importante: o día a día dos seus negocios”.