Baiona substitúe 58 puntos de luz da estrada Sabarís-Elduayen por tecnoloxía LED

O Concello de Baiona continúa co seu plan para mellorar a iluminación pública da localidade. Nese sentido, procedeuse á substitución das luminarias do viario da estrada principal de acceso á vila, desde a rotonda que dá inicio á Avenida Urbana de Sabarís ata a rotonda do monumento do Rei Alfonso IX.

Está a procederse á substitución de 58 puntos de luz do viario por tecnoloxía LED de alta calidade fabricada en Galicia, cunha resistencia especial á climatoloxía e á salitre mariña. Os traballos están a levarse a cabo nestes días con fondos propios e con persoal do Concello.

O concelleiro de Iluminación Pública, Óscar Martínez, destaca que “o estado actual da rede de iluminación pública está totalmente desactualizada, existindo unha gran cantidade de lámpadas de gran consumo. Neste caso en concreto, había 58 luminarias cun consumo de 200W que se están substituíndo por unhas cun consumo unitario de 88W. O cambio a tecnoloxía led ten como obxectivo conseguir unha iluminación de maior calidade, unha maior eficiencia enerxética e un aforro de enerxía”.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destacou que o obxectivo é seguir coas melloras enerxéticas no municipio e dar continuidade á instalación de tecnoloxía led. Así se mellorará a eficiencia enerxética, substituíndo as luminarias desfasadas existentes por outras con mellor rendemento que supoñen un consumo de enerxía máis reducido e respectuoso co medio ambiente.

Esta actuación busca unha mellora para os usuarios diarios deste viario e para o Concello, que logrará reducir o consumo de electricidade ata un 70% e reducir o gasto da luz que soporta mensualmente. Esta nova substitución de luminarias por tecnoloxía led súmase á actuación realizada o pasado mes de decembro no viario da estrada a Camposantos, desde a rotonda da saída da autoestrada en Rocamar ata o Rompeolas, onde se substituíron 42 puntos de luz.