9.475 persoas da área sanitaria de Vigo participarán no estudo sobre a inmunidade do Covid-19

Un total de 1.100 persoas foron citadas hoxe nos centros de saúde da área viguesa para realizarlles o test de inmunidade do coronavirus, no marco do estudo estatístico que está desenvolvendo a Consellería de Sanidade en Galicia.

Neste contexto, os 18 centros Covid de Atención Primaria realizarán estas probas a un total de 9.475 persoas, elixidas aleatoriamente polo Instituto Galego de Estatística para participar neste estudo sobre a prevalencia da inmunidade fronte ao Covid-19 na poboación galega. O obxectivo desta investigación é acadar un maior coñecemento da pandemia, para poder tomar as medidas sanitarias máis axeitadas.

Así, ata o próximo día 5 de maio vaise realizar unha primeira onda da mostraxe, e 4 semanas despois, ao longo doutra semana, acometerase unha segunda fase deste proxecto.

Citación telefónica

A poboación obxecto de investigación son as persoas con tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde. O Instituto Galego de Estatística enviou o listado de persoas seleccionadas aleatoriamente diferenciados por sexo, idade, concellos e áreas territoriais. O Sergas encárgase da realización dos test e da recollida de información. Deste xeito, cada centro de saúde ten asignada unha poboación concreta a estudar, coa que contactan telefonicamente para facer unha breve enquisa.

Ás persoas que entran no estudo dáselles unha cita para que acudan ao seu centro de saúde onde os profesionais de enfermaría tomaralles a mostra mediante unha punción dixital, que será introducida nun medio reactivo que indicará se esta persoa tivo algún tipo de contacto co virus ou non. Nos casos en que a persoa se encontre encamada ou presente dificultades de mobilidade, o persoal do centro desprazarase ata o seu domicilio.

Os resultados das probas comunicaranse polo médico de familia que, en función de resultados e atendendo aso protocolos establecidos, lles darán as indicacións clínicas pertinentes .Todos estes datos quedarán reflectidos na historia clínica da persoa.

A xerencia da Área Sanitaria garante as condicións de seguridade da poboación e dos profesionais sanitarios que participan neste estudo, e recorda que esta investigación repercutirá dun xeito beneficioso en toda a comunidade xa que os resultados aportarán un maior coñecemento da epidemia do Covid-19. Isto permitirá coñecer a súa incidencia de acordo as variables de sexo, idade, e área territorial; así como adoptar as medidas sanitarias para a desescalada máis axeitadas; poder programar ordenadamente o regreso á normalidade dos sectores produtivos e, sobre todo, anticiparse perante a posibilidade de novos contaxios potenciais.