Sin categoría

Baiona avanza na compra da batería de Silleiro

A devolución dos 97.000 metros cadrados sobre os que se asenta o complexo militar de Silleiro aos veciños de Baiona está máis preto nunca. A modificación orzamentaria de 369.000 euros para a súa compra saíu adiante no pleno celebrado o pasado xoves na vila mariñeira cos votos a favor do tripartito e a abstención do PP e Ciudadanos.

Agora a pelota está no tellado do Ministerio de Defensa que será o que marque o ritmo ata que se adquiran as Baterías de Costa J4 de maneira definitiva e polo momento a Administración local fará a entrega dun sinal do 5% do valor total de compra. O alcalde Carlos Gómez adiantou que os 18.450 euros necesarios para o trámite depositaranse a partir deste mesmo luns e agora o órgano estatal terá que refacer as escrituras para que a totalidade da montaña situada en Baredo xunto a todo o que contén, túneles incluídos, pase a titularidade municipal. Unha vez que se chegue a este punto da transacción a Administración terá que integrar o importe restante.

Polo momento non hai prazos concretos para que as baterías regresen a Baiona e neste sentido o alcalde preferiu ser cauto indo paso a paso. En canto aos usos aos que se destinará o complexo non hai nada decidido pero sexan cales sexan estarán condicionados ás pautas marcadas polo Plan Xeral de Ordenación Municipal. O documento urbanístico contempla un uso turístico á vez que se deberá de poñer en valor desde o punto de vista histórico, natural e paisaxístico que con toda seguridade abocarao a un fin de carácter multifuncional. A idea do Goberno local é a de facer partícipes a todos aqueles que o desexen mediante un concurso de ideas que axude a configurar un plan para Silleiro. De calquera xeito Gómez insistiu en que o máis importante é a adquisición do conxunto para afastalo de intereses privados ao considerar que se trata de “unha zona estratéxica”.