O Okofen mantén o seu dominio sobre os J80

O Okofen de Javier de la Gándara mantén o seu dominio sobre os J80 que se disputan a Liga de Inverno Baitra do Monte Real Club de Yates. O veleiro liderado polo navegante oceánico non só reafirmou este sábado o seu liderado na competición, senón que logrou, ademais, separarse aínda máis dos seus rivais na clasificación.

Cun primeiro e un segundo posto nos parciais da terceira xornada celebrada este sábado na baía baionesa, e tras descartar o seu peor resultado, o Okofen distánciase a 4 puntos do seu competidor máis directo, o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro que vai segundo con 12 puntos. Pecha o podio provisional o Marías de Manel Marías con 17 puntos.

O Okofen logrou esta nova vitoria nunha xornada complicada a causa do vento, ao que lle custou coller intensidade. A primeira proba á que se deu saída, cun percorrido algo máis curto do habitual para non arriscar demasiado, tivo que ser anulada porque o vento, que se estableceu do leste con pouca forza, caeu por completo deixando a cero as medicións.

Convertido nunha balsa de aceite, o escenario anunciábase moi complicado para celebrar algunha proba, pero o comité de regata non desistiu e mantivo aos veleiros na auga durante algún tempo esperando poder darlles polo menos unha saída máis.

Finalmente logrouno cun vento do norte duns 6 nós de media, co que a frota puido disputar ata dúas probas, a quinta e sexta no que vai de competición. En ambas, os veleiros fixeron o percorrido habitual, un barlovento sotavento de dobre volta; e coa última, que o comité decidiu recortar para asegurar o seu final, puideron eliminar o seu peor resultado ata o momento, algo que fixo bailar a clasificación.

Houbo algúns saltos destacados, tanto para arriba como para abaixo. O Cansino de Fernando Yáñez, un habitual do podio provisional, perdeu a terceira posición que traía da xornada anterior e caeu á cuarta; e La Galera, de Miguel Fernández asinou a subida máis espectacular, da décima á quinta posición, algo que logrou grazas á súa boa actuación este sábado, cun primeiro e un cuarto posto nos parciais.

A próxima xornada, cuarta e penúltima da Liga de Inverno Baitra J80 organizada polo Monte Real Club de Yates celebrarase o próximo 15 de maio.