A Xunta acondiciona as zonas verdes das sendas nas estradas PO-325 en Praia América e PO-340 na Ramallosa

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar o acondicionamento das zonas verdes nas sendas das estradas PO-340, na Ramallosa, e da PO-325, na travesía de Praia América, no concello de Nigrán. A Xunta, aproveitando as tarefas de mantemento que se están a executar nas marxes das estradas autonómicas na provincia, está a levar a cabo estas semanas traballos de axardinamento nos itinerarios peonís e ciclistas destas dúas vías.

En relación á estrada PO-325, na zona de Praia América, estes días estívose a acondicionar a banda axardinada da senda para colocar posteriormente plantas, concretamente agapanto. Para efectuar estes labores, realízanse de xeito previo o terreo compacto das zonas axardinadas, o aporte e estendido de terra vexetal e a revexetación por hidrosembra con mestura de sementes herbáceas.

No que se refire á estrada PO-340, ao seu paso pola zona da Ramallosa, executouse a semana pasada a colocación de postes de madeira para evitar que os vehículos invadan esa zona ao aparcar. Tamén se acondicionou esta contorna da senda con substrato, colocándose manta antiherbas e a correspondente plantación. Cómpre lembrar que o Concello asumirá ao remate das obras da Xunta o mantemento destas novas zonas axardinadas.