O Sergas xa superou as 100.000 persoas vacinadas na Área Sanitaria de Vigo

O Servizo Galego de Saúde xa administrou ao menos unha primeira dose da vacina fronte ao Covid19 a 101.871 persoas da Área Sanitaria de Vigo. Destas, 31.346 (o 30,7%) xa contan coas dúas doses inoculadas.

As persoas vacinadas corresponden aos grupos establecidos polo Ministerio de Sanidad; isto é, traballadores e usuarios de residencias e centros sociosanitarios; persoal sanitario; persoal SAF (servizo de axuda no fogar); os considerados esenciais, como profesionais do sector da educación e garderías, forzas e corpos de seguridade e emerxencias; un grupo aleatorio de persoas entre 50-55 anos; e os maiores de 80 anos non institucionalizados.

Deste último colectivo -os maiores de 80 anos- lévanse vacinados 33.275 persoas (un 32,6%). De feito, de xeito xeral, a Área de Vigo xa rematou a primeira dose de vacinación a este grupo de idade, e na actualidade estase “repescando” a aqueles que por algunha circunstancia non foron vacinados no seu momento.

Tamén hai que subliñar o inicio da vacinación en domicilios ás persoas con alto grao de dependencia.

4.400 persoas convocadas esta tarde

Ademais, hoxe iníciase o proceso de inmunización a novos grupos, á poboación diana con idades comprendidas entre 60-65 e 75-79 anos. Así, ata o próximo domingo11 vanse citar no IFEVI a un total de 29.000 persoas da Área Sanitaria de Vigo para administrarlles a primeira dose da vacina.

Na tarde de hoxe tense citadas a 4.431 persoas, e no día de mañá a 7.069 entre 60 e 65 anos (11.500 en total neste grupo de idade). Nos días seguintes, de xoves a domingo, vaise inocular a outras 17.500 de entre 75 e 79 anos.

Ata o IFEVI achegarase un equipo formado por case 60 profesionais sanitarios- enfermaría, TCAES, celadores, técnicos informáticos e persoal de mantemento– que realizarán esta acción sanitaria.

A poboación diana, a comprendida nesa franxa de idade, será citada a través dun SMS en su teléfono móbil; e posteriormente recibirán unha chamada telefónica para confirmar que acudirán á cita. Nestes casos a convocatoria farase atendendo a criterios de idade, comezando polos maiores.