O PP de Gondomar leva a pleno o saneamento de Zapa para evitar a estación de bombeo

O Partido Popular de Gondomar vai presentar ao pleno do vindeiro xoves unha moción sobre o saneamento de Zapa-Loureiro na parroquia de Chaín, para instar ao Goberno municipal a modificar o trazado da fase 1 a fin de evitar o bombeo previsto na memoria valorada para unhas vindeiras fases.

En maio do ano 2019 o enxeñeiro Tomás Pérez Vivirido entregou no Concello de Gondomar unha memoria valorada do “Saneamento nos NR de Loureiro e Zapa, parroquia de Chaín, Concello de Gondomar”. Dita memoria, por un importe de conxunto de 478.350,69 euros, dividía o proxecto en catro fases. A primeira fase valorada nun importe de 250.111,26 euros, unha segunda fase de 105.092,74 euros, unha terceira fase de 67.382,81 euros e unha cuarta de 55.763,91 euros. Na segunda fase contémplase un bombeo para impulsar as augas residuais recollidas nun pozo e procedentes da zonas do Abelar, da Brea e parte do barrio de Loureiro pegado a Mourisca, para despois verter no colector construído na fase 1 que discorre pola estrada que vai ao barrio da Torre. Soamente para este bombeo destínase un importe bruto de 39.650,34 euros.

En marzo do ano 2020 o mesmo enxeñeiro, e a petición do Concello de Gondomar, entregou o proxecto técnico da fase 1 por un importe de 126.201,85 euros e que tan só recolle a metade do previsto na memoria valorada presentada no ano 2019. En dito proxecto constrúese o colector principal que discorre pola estrada que vai ao barrio da Torre a enlazar co colector existente, para recoller a seis casas do núcleo de Zapa. Coa construción deste colector principal aboca a que nas seguintes fases se teña que instalar un bombeo como está inicialmente previsto na memoria.

“Todos sabemos os futuros problemas que traen os bombeos cando se avarían as bombas, cando se atascan, cando hai un exceso de augas residuais que a bomba non da para achicar. Os veciños que viven preto dun bombeo, como ocorre co bombeo que hai no barrio da Torre, non moi lonxe de onde está previsto construír este, están mais que fartos dos cheiros que teñen que soportar cada vez con mais frecuencia” explica Paula Bouzós, voceira do Partido Popular.

No caso do saneamento de Zapa, pódese evitar totalmente o bombeo si se modifica o proxecto e se leva o colector principal polo regato, sendo todo o traxecto por gravidade. Dita modificación non incrementa o importe estipulado no proxecto, mais ben todo o contrario, ao reducirse as reposicións dos pavimentos, polo que se poderían facer mais metros de colectores. A voceira do Partido Popular agarda que a corporación municipal sexa receptiva á proposta que presenta e que sexa aprobada por unanimidade e executada polo goberno municipal.