O CPA Gondomar arrasa no Trofeo da Deputación de Pontevedra

O Club Patinaxe Artística Gondomar conseguiu subir ao podio a dez dos seus participantes no Trofeo Deputación de Patinaxe Artística celebrado este sábado no Pavillón de Candeán en Vigo, provincia de Pontevedra. A competición de patinadores e patinadoras, na que buscaban a súa clasificación para as diferentes categorías tanto benxamín, alevín, infantil, cadete, júnior como sénior, e na que o CPA Gondomar tivo a súa representación en diferentes destas, conseguindo subir ao podio a dez dos seus representantes patinadores.

En alevín feminino o terceiro posto para Carla Gilsanz. O podio de categoría infantil do club gondomareño conseguiuno ao completo con Lola Álvarez como primeira clasificada, Xiana Fernández como segunda e María Moldes como terceira. Sendo Joel Ribeiro como primeiro e único clasificado en categoría cadete masculino, así como en feminino o segundo e terceiro posto para Noa Álvarez e Marta Gollanes respectivamente. En categoría júnior primeira clasificación para Manuel Estévez, finalizando a xornada co máis alto do podio de dous sénior, en masculino Javier Martínez e en feminino Andrea López.

O seu adestrador, David Figueroa, acompañounos toda a xornada mostrando que o constante traballo do CPA Gondomar prosegue, xa que este non é máis que o inicio dunha dura tempada de adestramento que xa comeza a exhibirse nas actuais competicións, sen esquecernos que tras un ano de pandemia estes gondomareños rexorden para rexer os podios nas súas categorías.