Unha veciña de Nigrán crea unha web para “vivir e desfrutar” o Val Miñor

Desde este xoves está activa unha nova web cuxa idea principal é que tanto as persoas que viven no Val Miñor como as que veñen visitarnos, desfruten, vivan e consuman dentro da comarca. Trátase de http://www.vivirtuzona.com, un proxecto de Lucía Prado, actualmente veciña de Nigrán. “Hai anos, cando me trasladei a vivir a Nigrán, sen coñecer a ninguén, atopeime cunha gran dificultade e é que non tiña claro onde atopar cada cousa que necesitaba, que actividades había na zona e onde resolver certos problemas que me ían xurdindo”, lembra Lucía.

“Normalmente tiras de coñecidos –continúa Lucía-, pero naquela época eu non tiña ningún e perdín moito tempo indo dun lado ao outro, sobre todo porque tentaba, na medida do posible, consumir no comercio local. Aínda que xa levo tempo vivindo aquí, é verdade que cando necesito algunhas cousas moi concretas e no meu afán de consumir na zona, sigo dando voltas ata que logro atopalo. Ás veces máis das que quixese e en ocasións gustaríame ter a alguén que me orientase e axudáseme a atopar o que busco”.

Trátase dunha web con toda a información para Vivir e Desfrutar Nigrán, Baiona e Gondomar: eventos, praias, restaurantes, aloxamentos, servizos e moito máis. Unha web específica do Val Miñor, onde as persoas da zona poidan atopar con facilidade aquilo que buscan. Unha web de consulta para as persoas que veñen visitarnos para que desfruten, vivan e consuman na nosa zona. Unha web local onde os profesionais e comercios do Val Miñor poidan ter o seu lugar para mostrarse e ensinar todo o que teñen. Unha web onde poder consultar eventos que se organizan no Val Miñor.

“Co paso do tempo hei visto que aínda que existe moita información a través de redes ou internet, non hai ningún sitio onde esta estea ordenada. Un sitio de consulta específico da zona cunha persoa detrás a quen poder consultar en caso de dúbida. Despois de crear a miña conta de Instagram VIVIR NIGRÁN decidín que era hora de comezar coa idea que levaba tempo roldándome na cabeza de achegar máis valor e axudar a máis persoas e aquí estou a presentar este proxecto, que pretende ser un proxecto por e para todos”, conclúe Lucía.