Unha condutora que cuadriplicaba a taxa de alcol solicita axuda á Garda Civil para chegar ao traballo

A Garda Civil investiga por un delito contra a seguridade viaria a unha condutora que solicitou axuda para chegar ao seu posto de traballo alegando que se atopaba indisposta por inxerir bebidas alcohólicas. Os feitos sucederon a pasada fin de semana cando se ten coñecemento, a través do servizo de emerxencias 112, de que unha usuaria, que viaxaba pola autovía A-52, de Ribadavia a Vigo, requiría a presenza da Garda Civil para que a trasladasen ao seu lugar de traballo debido a que non se atopaba en condicións de conducir por consumir bebidas alcohólicas.

A chamada foi atendida en primeira instancia polo operador da central COTA da Comandancia de Pontevedra, para coñecer a súa localización e orientar á usuaria para que estacionase o vehículo nun lugar seguro o máis afastado posible da calzada. Instantes despois, unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil do Porriño localizou ao vehículo estacionado na beiravía da autovía, á altura do km. 274, no municipio da Cañiza. A condutora, que se atopaba dentro do vehículo, ratificou aos compoñentes da patrulla que chamara ao 112 solicitando axuda para chegar ao seu posto de traballo, en Vigo, xa que se atopaba indisposta por inxerir bebidas alcohólicas.

Ao ser requirida para realizar as probas de alcoholemia deu resultado positivo cunha taxa de 1,04 mg/l en aire expirado, o que supón algo máis de catro veces a taxa máxima permitida. Unha vez retirado o vehículo da autovía por un guindastre, a condutora foi trasladada ao acuartelamento do Porriño, onde se lle notificou a súa condición de investigada como presunta autora dun delito contra a seguridade viaria. As dilixencias instruídas remitíronse ao Xulgado de Instrución de garda dos de Ponteareas.

A condutora, de ser considerada culpable pola Autoridade Xudicial, enfróntase a unha pena de prisión de tres a seis meses ou coa multa de seis a doce meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días, e, en calquera caso, coa privación de conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos.