O PP de Gondomar solicita a reparación do skatepark tres meses despois da súa inauguración

O Partido Popular de Gondomar vén de presentar no rexistro do concello un escrito solicitando a reparación do Skatepark polos defectos de construción e a execución de partidas mal realizadas. O pasado 23 de novembro o PP gondomareño denunciou por rexistro que se estaba executando a obra incumprindo co especificado no proxecto técnico. En concreto denunciábase que en lugar de facer os muros de formigón armado estábanse levantando muros de bloque prefabricado, o que para os populares supuña un incumprimento do contrato. Ademais consideraban que a solución de facer os muros de bloque prefabricado e despois revestir con morteiro non era a solución máis axeitada para este tipo de construcións.

O tempo veulle dar a razón e apenas tres meses despois están a padecer as consecuencias dunhas obras realizadas a correr e sen ningún seguimento por parte do goberno municipal xa que o revestido estase caendo deixando á vista as varillas de suxeición dos perfís metálicos, os cales están totalmente oxidados. Ademais fanlle saber ao Alcalde que hai partidas que non se executaron segundo o proxecto pero que se facturaron como si se fixeran.

O concello adxudicou o pasado 30 outubro a construción do Skatepark á empresa ZONA DE OBRA O ROSAL, S.L. por importe de 63.499,59 euros, cun prazo de execución de tres meses e unha garantía total de 6 anos. A obra foi subvencionada pola Deputación Provincial de Pontevedra e realizada nunha zona inundable.

O Partido Popular pide ao alcalde que esixa á construtora a execución dos traballos necesarios para o arranxo do Skatepark, tendo en conta que a obra conta cunha garantía de 6 anos, así como o remate das partidas non realizadas.

“Este tipo de situacións veñen dadas pola falta control das obras por parte do goberno municipal, que fai as cousas ás presas e correndo e despois veñen estes problemas. O goberno máis caro da historia de Gondomar e con máis dedicacións exclusivas que nunca, non está facendo o seu traballo de seguimento da acción municipal como son as obras que se están realizando” argumenta Paula Bouzós, voceira do PP gondomareño.