Sin categoría

Consenso unánime para adaptar o edificio da Comunidade de Montes de Monteferro á súa contorna

O Concello de Nigrán aprobará nos vindeiros días a través dun decreto de Alcaldía o “Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións de Portocelo”, que permitirá adaptar urbanísticamente á legalidade o edificio da Comunidade de Montes de Monteferro. O consenso ao respecto é unánime. Así, este trámite (pendente unicamente do informe xurídico municipal) é posible despois de que non obtivera ningunha alegación durante os pasados dous meses de exposición pública e que todas as administracións implicadas emitisen informes favorables. O proxecto elaborado pola Comunidade de Montes de Monteferro co beneplácito do goberno local permitirá ao fin a intervención no inacabado edificio desta entidade para integralo na paisaxe e adaptado á legalidade, dando marcha atrás a un dos maiores expoñentes do “feísmo” no municipio. Esta aprobación provisional será enviada á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para posteriormente presentar a súa aprobación definitiva a Pleno.

“Estamos moi satisfeitos porque é un plan que gusta a todos os actores implicados, a proba é que non houbo alegacións e todos os informes sectoriais son favorables, polo que agardamos ter a súa aprobación definitiva antes do verán”, explica o alcalde, Juan González, quen destaca “a boa vontade e o traballo rigoroso da actual Comunidade de Montes para dar con unha solución que cumpre integra todos os requirimentos urbanísticos coas necesidades socio-recreativas da parroquia”. Así, supoñerá, entre outras cousas, rebaixar a súa altura á metade para deixalo nunha soa planta ou recuperar a rasante orixinal da parcela, integrando toda a propiedade na paisaxe (suma 5.761 metros cadrados).

“A recuperación e posta en valor medioambiental e urbanística de Monteferro pasaba inevitablemente por converter o histórico edificio da Comunidade de Montes nun lugar acorde coa súa contorna, mantendo ao mesmo tempo o seu necesario uso de centro centro social e medioambiental ao servizo da veciñanza. Este Plan permitirá corrixir un dos maiores expoñentes do feísmo en Nigrán para por de verdade en valor Monteferro; polo que celebramos que deran este paso”, sinala González.

O edificio obtivo licenza de construción en 1988 con arranxo ás normas subsidiarias vixentes naquel momento, sen embargo, o proxecto orixinal desviouse substancialmente entrando en conflito coa legalidade e quedando finalmente inconcluso. O plan actual, elaborado polo arquitecto Federico Suárez, integra o edificio na paisaxe rebaixando a súa altura a 5 metros e unha soa planta ou devolvendo a rasante da parcela ao seu estado orixinal. No terreo crearanse zonas axardinadas na parte central e matogueiras na frontal (sempre empregando especies autóctonas) e haberá espazo de acceso rodado e aparcamento (16 prazas máis 2 adaptadas). As características tipolóxicas e construtivas, cores e acabados serán acordes coa paisaxe rural e as construcións da contorna para garantir o mínimo impacto visual e a mínima alteración do relevo natural do terreo.

Finalmente, o novo edificio terá un uso socio-recreativo ao servizo da veciñanza, tendo como obxectivo primordial fomentar o asociacionismo forestal, creando ademais un punto de información e difusión sobre a península de Monteferro (interese arqueolóxico, etnográfico, paisaxístico, medioambiental, etc.).

“É unha oportunidade non só para corrixir despropósitos urbanísticos propios doutras épocas, se non para dotar a Monteferro dun espazo público-comunitario onde por en valor un dos lugares con maiores atractivos do municipio pola súa riqueza natural, paisaxística e etnográfica”, destaca o rexedor.