Sin categoría

A Vig-Bay tampouco se celebrará este ano

A organización do Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay publicou este martes un comunicado oficial no que informa que este ano tampouco haberá edición da carreira. “Despois de avaliar a situación sanitaria e as diferentes alternativas que nun escenario como o actual poderiamos ter para a súa celebración, pensamos que ningunha opción máis ou menos realista podería ser tida en consideración polo menos nun horizonte inferior ao próximos seis meses. Isto querería dicir que non podería haber unha Vig-Bay probablemente antes de outubro e aínda así probablemente debería ser ou ben unha edición virtual ou unha real que chamariamos “adaptada”. Isto último supoñería limitacións de participantes e por suposto de acompañantes, amigos, familia… pensamos que isto iría contra o espírito dunha carreira popular e sobre todo contra o espírito da Vig-Bay”.

“Doutra banda –continúa o comunicado-, os expertos consideran que coas medidas sanitarias postas en práctica, a responsabilidade colectiva e sobre todo a vacinación da poboación, probablemente a principios do próximo ano, poderíase falar dunha volta á normalidade. Se así fose e oxalá o sexa, nas datas habituais da Vig-Bay, estariamos en condicións, agora si, de celebrar, despois de 2 anos de ausencia unha nova edición da nosa carreira. Sería para a organización e esperamos que tamén para vós corredores, unha magnífica forma de celebrar xuntos esa volta á normalidade, porque poder volver reunirnos en Samil, percorrer o noso circuíto pasando por Nigrán e acabando en Baiona acompañados, estamos seguros causarannos emocións inesquecibles”.

“Ademais ese maratón que temos reservado para edicións especiais, volverá celebrar. Non cremos que haxa mellor ano para facelo. Para todos aqueles os que mantivestes a vosa inscrición a toda costa, confiando na súa celebración, poderedes elixir a que distancia queredes enfrontarvos con tan só solicitárnolo. Tedes un ano para adestrar e decidir modalidade. Desde a organización querémosvos dar as grazas polos ánimos continuos que recibimos de todos vós e o interese que mostrades para que a Vig-Bay siga celebrándose”, conclúe o comunicado.