Chaín ponse á obra para reivindicar a igualdade

Con motivo do día 8 de marzo, o Grupo de Teatro A Moura de Chaín decidiu, xa que a pandemia sigue impedíndolle a que era a súa habitual forma de expresión enriba dos escenarios, facer un sketch sobre situacións da vida diaria nas que se reflicte o machismo que aínda está implícito en moitas das nosas vidas. Desta vez foron catro actrices, Carmen Grandal Moreira, Claudia Comesaña Granja, Irene Silva Xiráldez e Pili Lorenzo Fernández as que lle dan forma.

Unha avoa que, dende a súa experiencia de toda unha vida, intenta facerlle ver á súa neta que ten moito que traballar para conseguir facerse valer, e, por outro lado, dúas amigas de mediana idade teñen unha conversación na que poñen de manifesto que os traballos compartidos cos homes sempre son máis levadeiros, e que non por ser muller hai que asumir uns traballos e certos roles.

Sabendo que a reivindicación da igualdade é un tema moi serio, o grupo non quixo desaproveitar a ocasión de poñerlle un pouquiño de humor a estas situacións tan cotiás para intentar achegar dunha maneira máis amena a mensaxe da igualdade.

Igual non dá

🎥 VIDEO: "Igual non dá" do Grupo de Teatro A Moura de Chaín.

Publicado por Valmiñor TV en Domingo, 7 de marzo de 2021