O Servizo Galego de Saúde e varias sociedades científicas desenvolverán unha estratexia conxunta para realizar unha abordaxe integral da obesidade, atendendo á prevención, diagnóstico e tratamento desta enfermidade. Así o acordaron nunha xuntanza o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a presidenta da Sociedad Española de Cirugía de la Obesidad (SECO), Raquel Sánchez, que actuou en representación doutras 4 sociedades nacionais relacionadas con esta patoloxía.
Con motivo do Día Nacional da Obesidade que se celebra maña, ambas institucións queren facer público que se van a estudar diversas accións como programas de concienciación a poboación xeral no ámbito da saúde pública; programas de detección precoz; vías rápidas de atención a pacientes con obesidade moi grave; e optimización dos circuítos intrahospitalarios de cirurxía bariátrica.
Se calcula que en Galicia a obesidade afecta ao 24,8% da poboación, índice 1 punto superior ao da media española. A obesidade mórbida, que constitúe un grao extremo de exceso de peso, afecta ao 1.6% da poboación.
“Estamos moi preocupados polo incremento da prevaleza da obesidade, en especial da obesidade moi grave. O confinamento, a limitación de mobilidade, o incremento das preocupacións e as restricións sociais teñen provocado un incremento de peso na maioría das persoas, cun aumento medio de 4-5 quilos. Pero naqueles que xa sufrían obesidade, a ganancia de peso ten sido incluso maior, e isto vai ter consecuencias fatais na saúde futura da poboación”, explica a presidenta da SECO e xefa do servizo de Cirurxía xeral e dixestiva da Área Sanitaria de Vigo, Raquel Sánchez.
Vigo, 93 cirurxías bariátricas a pesar da pandemia
Esta estratexia fronte a obesidade tamén aposta por recuperar o ritmo de actividade da cirurxía bariátrica que se viña realizando, xa que durante a pandemia foi necesario ralentizar esta actividade para priorizar as cirurxías dos pacientes oncolóxicos.
“Sen embargo, na Área de Vigo conseguimos remontar, e ao final acadamos realizar un total de 93 intervencións de cirurxía bariátrica durante o pasado ano”-asegura a doutora Sánchez.
Esta cirurxía está indicada naqueles pacientes con obesidade mórbida nos que fracasaron tratamentos previos. A maior parte dos obesos que se someten a esta intervención pesan entre 120-190 quilos.
“A terapia conservadora, réximes, dietas alimenticias e tratamentos farmacolóxicos fracasa a longo prazo en practicamente o 100% dos pacientes, polo que na actualidade, a cirurxía bariátrica é o único medio efectivo para acadar un control de peso a longo prazo e unha melloría de todos os problemas asociados, como a diabetes, a hipertensión arterial, insuficiencia coronaria, síndrome de apnea do soño, alteracións articulares, etcétera.”
Resultados moi satisfactorios
A cirurxía bariátrica consiste en reducir a capacidade do estómago do paciente para que a inxesta da comida sexa menor, ao tempo que se realiza unha modificación no intestino para diminuír a absorción dos alimentos. Trátase dunha operación complicada, polo que os criterios de selección dos pacientes son moi rigorosos, cun protocolo estrito no que se valora, ademais do seu estado físico, o psíquico, o seu nivel de comprensión e o seu compromiso de colaborar no seguimento posterior, xa que son pacientes que despois da intervención están obrigados a observar uns coidados serios e uns hábitos de vida saudables.
No momento actual, estas intervencións son realizadas por procedementos minimamente invasivos, nos que grazas a aplicación de tecnoloxía robótica de última xeración, os cirurxiáns poden acceder á cavidade abdominal a través de pequenas incisións no pel, evitando desta forma os riscos e secuelas das grandes incisións, e reducindo a dor postoperatoria, as estancias hospitalarias e facilitando a rápida reincorporación do paciente a súa vida habitual.
Os resultados que se logran con estas intervencións son moi satisfactorios xa que o índice de masa corporal perdido no primeiro ano despois da operación é dun 78%.
Nos últimos anos, o Hospital Álvaro Cunqueiro reforzou o equipo multidisciplinar que atende esta patoloxía, aumentando as consultas e as sesións cirúrxicas deste tipo de operacións, e incorporando novos cirurxiáns ao equipo de bariátrica.

