Volven as regatas ao Monte Real coa Liga de Inverno Baitra J80

O Monte Real Club de Yates inaugura este sábado o seu calendario deportivo do 2021 coa Liga de Inverno Baitra J80. A competición de monotipos chega á auga un mes máis tarde do previsto inicialmente por mor das restricións do COVID19, que obrigaron a pospoñer o seu inicio en varias ocasións.

Finalmente, a luz verde dada pola Xunta ás competicións deportivas autonómicas, a apertura de gran parte dos peches perimetrais e a concesión de permisos para a práctica deportiva posibilitarán a volta á auga dos J80 baioneses, que non navegaban desde o pasado mes de novembro.

Serán preto de 100 regatistas aos que veremos competir en augas da ría de Vigo en cinco xornadas a disputar ata o próximo mes de maio; a primeira este sábado e as seguintes o 20 de marzo, o 10 de abril e o 15 e o 29 de maio.

Ademais dos habituais na competición de monotipos do Monte Real, nesta ocasión sumaranse á liga de J80 o campión de España da clase Finn, Miguel Fernández Vasco. O coruñés, con varios títulos nacionais e numerosos galardóns no seu haber, liderará a unha tripulación formada por membros do equipo de regatas da Escola de Vela do Real Club Náutico da Coruña a bordo de La Galera.

Outro campión nacional, neste caso da clase Snipe en Portugal, Miguel Leite, regresa ao Monte Real onde é habitual velo nas grandes competicións de cruceiro como o Trofeo Conde de Gondomar ou o Príncipe de Asturias. Hai tempo puidemos velo levando a cana do Miudo by Storax, tamén na liga de J80; e nesta ocasión subirase a bordo do Ifaclinic.com de Joao Nuno Allen outra das novas incorporacións á frota de J80 de Baiona.

Tamén con acento luso participará na Liga de Inverno Baitra J80 o Marías de Manuel María Cunha (con José Valentim Cunha, José María Cunha, Antonio María Cunha e Vasco Tinoco); ao que previsiblemente veremos dando guerra ao Okofen de Javier de la Gándara, aspirante a revalidar o título logrado en 2020. É o barco que máis títulos de ligas de J80 do Monte Real ten no seu haber e levará a bordo aos fillos de Gándara Jaime e Javier, e a Diego Fernández.

As tripulacións que o ano pasado fixéronse coa prata e o bronce da competición invernal de monotipos, o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro e o Maija de José Luis Pérez tamén repiten nesta nova edición e serán, se logran manter a súa boa traxectoria, dous dos barcos que seguro veremos nos postos máis altos da clasificación.

No Alboroto de Juan Carlos Ameneiro mantéñense Juan José Lago e Javier Lago, e súmase como novidade outro histórico da vela en Galicia, Miguel Lago, que durante moito tempo navegou en J80 e ao que ultimamente é habitual ver coa frota dos 6 metros.

Completan a listaxe de aspirantes a levar a Liga de Inverno Baitra J80 o Spaco de Santiago Estévez (con Pablo Franco, José Quiñones e Javier Martínez ), o Cansino de Fernando Yáñez (con Manuel Fernández, Alejandra Suárez, Pilar Fernanda Amaro e Ignacio Sánchez Otaegui), o Luna Nueva de Juan Luis Tuero (con Miguel Cidras, Rogelio Torres e Pedro Núñez), o Ferralemes de Rosario García (con Jaime García, Oswaldo Álvarez e Roberto Montero), o Namasté de Luis de Mira (con Susana Baena, Amparo Molla, Luis Gutierrez e Javier Torroja), o Pazo de Cea de Iago Carballo (con Rita Hernández, Cristina González, María González e Carolina Terrón) e o SND Cormorán de Francisco Javier Martínez (con Julio Hidalgo, Alfonso Otero, Miguel Alonso). Os últimos en inscribirse na competición son o Petrilla de Jaime Barreiro, o Due de Rafael Blanco e o Mondo de Bernardo Macedo.

A xornada regateira deste sábado en Baiona, etapa inaugural da Liga de Inverno Baitra J80, dará comezo ás tres da tarde en augas do interior da baía. A previsión meteorolóxica anuncia un día de sol con ventos de compoñente norte que se moverán entre os 5 e os 8 nós. O comité de regata, presidido por Carlos Villar, tratará de dar saída a 3 probas do tipo barlovento sotavento.