Investigan a un veciño de Baiona por notificar datos falsos do condutor do seu vehículo para eludir multas

Un veciño de Baiona, de 50 anos, foi investigado a semana pasada por compoñentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, xa que facilitou datos falsos do condutor do seu vehículo para eludir o pago de varias multas.

Por mor das investigacións realizadas polo GIAT (Grupo de Investigación e Análise da Agrupación de Tráfico) púidose pescudar que este veciño de Baiona facilitara, ata en sete ocasiones, a identidade doutras persoas con motivo de varias infraccións administrativas relacionadas coa seguridade viaria, que se cometeron cun vehículo da súa propiedade. O montante das sancións ás que debería facer fronte ascende a 1.900 euros, ademais da perda de 15 puntos do permiso de condución.

Segundo as investigacións realizadas, esta persoa puido facilitar ata en sete ocasións os datos doutras persoas cando a Xefatura Provincial de Tráfico requiriulle a identificación do condutor, con motivo de infraccións que se cometeron co vehículo da súa propiedade, que non foron notificadas no momento da súa comisión.

En todos os casos facilitaba a identidade doutra persoa, pero facendo constar o seu propio domicilio, de tal forma que os expedientes tramitados pola Xefatura de Tráfico chegaban ao seu domicilio e eran recollidos pola súa esposa en lugar de devolvelos, para despois realizar as consecuentes alegacións ata que se ultimaba o procedemento coa resolución sancionadora correspondente.

A colaboración da súa esposa determinou que tamén fose notificada como investigada polo seu grao de participación no mesmo tipo delituoso.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Vigo, onde deberán comparecer os investigados cando sexan requiridos.